Profesionais avogan no Consello da Cultura Galega por manter o investimento en cultura para evitar que o sector colapse

A segunda sesión do ciclo “Xestión e políticas culturais nos concellos. Retos ante a Covid-19”, organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG), puxo o foco en coñecer que se estaba a facer noutros territorios do Estado e ver cales desas propostas eran trasladables á realidade galega. Nela participaban dous expertos como Mª Camino Barcenilla, da Deputación de Navarra, e Pau Raussell, responsable de Econcult, unidade de investigación moi recoñecida no campo da Economía da Cultura. Para este último “o verdadeiro risco é que a retirada de investimento posibilite o colapso do tecido cultural”. A conversa pode verse desde hoxe no web da institución.

Marián Fernández, xestora cultural en O Cable Inglés, foi a encargada de moderar esta cita titulada “Reflexións inspiradoras”, que puxo sobre a mesa cales debían ser as estratexias para protexer o tecido cultural. Para Mª Camino Barcenilla Tirapu, xefa da Sección de Recursos e Desenvolvemento Estratéxico da Dirección Xeral de Cultura-Institución Príncipe de Viana e que forma parte da Comisión de Mecenado, a clave está “en dar amparo legal á política cultural ao mesmo tempo que se mantén a programación, e isto supón xerar formatos e facer mapeos dos sectores culturais e artísticos dentro dos protocolos de seguridade”. Na súa opinión é un bo un momento para facer mapeados e observar o tecido asociativo e os profesionais que emerxen con propostas innovadoras. Para Pau Raussel, responsable de Econcult, unha das unidades de investigación de referencia en toda Europa no campo da Economía da Cultura, hai que engadir outro factor, “o consumo cultural debe ser tamén un consumo ideolóxico do que debemos ser conscientes os cidadáns e non deitar a responsabilidade nas administracións”. É partidario dunha campaña que promova o consumo cultural “se nós non alimentamos a cultura que queremos consumir, acabaremos consumindo a cultura que as grandes empresas e mainstream queren que consumamos”, afirma.

Barcenilla participou no deseño do Plan Estratéxico de Cultura de Navarra e na redacción da pioneira Lei foral de dereitos culturais. De feito, na súa opinión é unha boa ferramenta legal para apoiar este sector.
A unidade investigadora que dirixe Pau Rosell avanzou parte dos resultados dunha enquisa a axentes culturais para analizar o impacto da Covid-19. Conta con 800 respostas, das que 50 son específicas de Galicia. Aínda non teñen con resultados concluíntes pero apréciase que existe unha gran preocupación nas e nos profesionais galegos por como cumprir as obrigas económicas e pola necesidade de contar con información sobre reprogramación. Unhas inquedanzas que están por riba das manifestadas por profesionais culturais doutros ámbitos do Estado.

“Estamos na metade do túnel e creo que esaxeramos os discursos utópicos pero tamén os distópicos, que todo vai desaparecer. Penso que nin unha cousa nin a outra. Avanzamos cara a unha situación intermedia na que se pon en cuestión un paradigma convencional da política cultural no ámbito territorial” afirmou Rausell. Na súa opinión, hoxe en día está superado o reto da democratización cultural xa que calquera cidadán cun equipo e unha boa conexión a Internet pode acceder a servizos e bens culturais impensables nos cincuenta. Agora, os espazos deben entenderse como lugares de encontro e interacción e deben satisfacer “o dereito a emocionarnos e compartir, que ten máis que ver co dereito á comunidade” asegurou. Na súa opinión, cómpre repensar como se reconfiguran os espazos mantendo as condicións de seguridade pero tamén a posibilidade de que as e os cidadáns se encontren como unha comunidade.

Ciclo en liña
“Xestión e políticas culturais nos concellos. Retos ante a Covid-19” é o nome dun ciclo co que o Consello da Cultura Galega pretende analizar a cultura municipal. O ciclo contará con tres sesións telemáticas nas que se debaterá sobre os retos, perspectivas, estratexias e ferramentas das políticas culturais dos concellos en Galicia.

Na primeira cita falouse de reprogramación, adiamento, adaptación, cambio, oportunidade, potenciar a cultura de proximidade, a cultura de base, a creación de novos públicos e vincular a actividade cultural ao desenvolvemento socioeconómico, entre outras propostas. No marco desa cita analizouse a realidade municipal perante a Covid-19 a través de tres concellos moi diferentes: Boiro, Allariz e Pontevedra.
A última sesión terá un formato diferente e nela abordaranse unha serie de estratexias e ferramentas de actuación neste contexto.

A importancia da cultura nos concellos
O gasto liquidado en cultura polos concellos triplica o das comunidades autónomas e supón seis veces máis que o estatal. En Galicia, segundo datos achegados polo Observatorio da Cultura Galega, no ano 2017 este tipo de gasto ascendeu a 138,1 millóns de euros. Nese mesmo período, a Xunta de Galicia gastou 75,2 millóns e as deputacións 35,4 millóns. Ademais, unha parte importante dese gasto autonómico e provincial distribúese entre as propias programacións, o persoal e iniciativas culturais municipais. Polo que, en último termo, son os pequenos equipos das entidades locais, e mesmo os profesionais en solitario, os que deseñan e executan as principais liñas de traballo cultural no país.

Outras noticias que te poden interesar: