A creatividade e a planificación dos videoxogos centran a sexta entrega dos “Diálogos confinados”

A sexta entrega do ciclo “Diálogos confinados” analiza o sector dos videoxogos. O director de Culturagalega.gal, Manuel Gago, puxo a dialogar a Fernando Prieto, un dos responsables de Gato Salvaje Estudio, a empresa galega máis importante deste sector, con Carla Bolaños, estudante de mestrado e integrante de Digital Monster Collective, un colectivo multidisciplinar galego. No transcurso da conversa abordaron a situación do sector en Galicia desde o punto de vista do potencial creativo existente pero tamén desde a reivindicación da necesidade de crear estruturas para poder conectar o talento co mercado. O vídeo xa está dispoñible desde o web do Consello da Cultura Galega

40 horas de xogo. 400 páxinas de guión. 40 persoas traballando. 3 anos de traballo. Son as cifras que tecen os vimbios de “The Waylanders”, un roleplay game que nos propón unha historia e un escenario en dous tempos: a Galicia celta do s. IV a.C. e a Galicia medieval ambientada no s. XII, un proxecto pioneiro non só en Galicia senón en España que verá a luz este mes de xuño. Detrás deste proxecto está Gato Salvaje Estudio, unha empresa galega que aposta polo talento local e a distribución no mercado internacional. Un dos seus responsables, Fernando Prieto, participou neste “Diálogo confinado” e fixo fincapé no inmenso potencial creativo de Galicia pero tamén nas eivas. “Falta a estrutura, planificar os proxectos pensando en que teñen que chegar ao mercado” asegurou. Pola súa parte, Carla Bolaños é estudante do mestrado e UX Designer en Digital Monster Collective, un colectivo multidisciplinar galego centrado na produción de curtametraxes, animación e videoxogos. O seu Traballo de Fin de Grado (TFG), Odal foi visto en distintos encontros de Santiago, Barcelona e Madrid; é un xogo de plataformas que nos leva a un futuro distópico no que o malgasto de recursos obriga á protagonista, unha alquimista, a viaxar ao mundo subterráneo na procura dunha flor que, segundo conta a lenda, será capaz de devolver a maxia. Carla achegou o seu punto de vista como estudante e na conversa insistiu “na necesidade de crear vínculos entre a universidade e a empresa”, ademais de apostar polas subvencións como vía para sacar adiante proxectos.

Ambos os dous coincidiron en que a situación actual dificultou o seu traballo. “As redes non funcionan todo o ben que deberían” indicou Fernando e Carla engadiu que “falta a axilidade da reunión presencial”. Con todo, este sector ten as fases de traballo moi ben compartimentadas e, en pouco tempo, puideron ir afacéndose ás novas rutinas e sacar adiante os proxectos.

Os protagonistas desta cita
Fernando Prieto é Partner – General Manager de Gato Salvaje Estudio. O estudio lanza este mes de xuño “The Waylanders”, un xogo de rol que presenta un sistema innovador e táctico no que dá vida ás lendas das culturas celtas. Inspirado en xogos como “Neverwinter Nights 2” e “Dragon Age Origins”, conta cun estilo innovador e unha historia escrita por guionistas de primeiro nivel.
Carla Bolaños é graduada en Comunicación Audiovisual e estudante do mestrado en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos da UDC. Especializada en deseño de niveis e xogabilidade, destaca polo seu proxecto “Odal”, realizado como TFG na carreira; trátase dun videoxogo “metroidvania” de plataformas e fantasía que se atopa nestes momentos en desenvolvemento. Actualmente compaxina os seus estudos co traballo de UX Designer en Digital Monster Collective.

O proxecto
Esta serie de entregas audiovisuais, a modo de pílulas culturais, ten como obxectivo darlle voz á cultura galega nesta situación de parálise. Diferentes voces dos múltiples ámbitos que abrangue o complexo sector cultural achegarannos as súas percepcións sobre a realidade que están a vivir mediante breves diálogos moderados por persoas vinculadas ao Consello da Cultura Galega. Coñeceremos tamén as súas expectativas de futuro a curto e medio prazo e mais que medidas cren necesario adoptar para paliar os estragos que a parálise está a causar no mundo da cultura. O obxectivo é tecermos unha radiografía polifónica da cultura confinada desde Galicia, coas súas perspectivas e demandas para un futuro inmediato. Nas edicións anteriores prestaron a atención á arqueoloxía, ás fundacións literarias de ámbito rural e de creación literaria, entre outros sectores.

Outras noticias que te poden interesar: