O sector da música urxe un gran pacto para facer fronte á crise derivada da COVID-19

É un sector que suma máis de 3.100 postos de traballo, que contabiliza unha produción de 274 millóns de euros e supón, segundo a Conta Satélite de Cultura do Instituto Galego de Estatística (IGE), o 12,9% da cultura. A súa actividade focalízase nos meses de primavera e verán, diríxese a públicos numerosos, en espazos que implican contacto físico e sobre a mesa contabiliza as cancelacións e adiamentos das actuacións e moitas incertezas. Esta é a situación actual do sector da música en Galicia, á que se refire o último Documento de Traballo (DT-OCG) do Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), titulado “O sector da música popular en Galicia perante a crise da COVID-19”. Para o presente máis inmediato, o sector demanda un gran pacto con conexións nacionais e internacionais, unha política cultural afastada da gratituidade, dotación de fondos para artistas, fixar protocolos de medidas preventivas que animen a poboación a volver asistir aos concertos, apostar pola cultura de base e cambios fiscais e laborais.

A preocupación é a tónica xeral dos responsables do sector da música popular de Galicia. As características da súa actividade (público numeroso, con contacto físico e concentrado nos meses en que se produciu o confinamento e as medidas de apertura preventivas actuais) converten este sector en especialmente vulnerable para a crise. Este Documento de Traballo (DT) pon de relevo a magnitude deste sector, que en 2018 organizou 3.585 concertos de música popular, aos que asistiron 1.463.170 persoas e obtiveron unha recadación de 15.634.633 euros (un 22,7% máis que en 2017). Hoxe en día, no conxunto do Estado contabilízanse as perdas en 130 millóns de euros coa suspensión de 30.000 funcións. En Galicia, as bandas de música populares estiman, nunha avaliación preliminar, unha baixada de ingresos dun 42% e desde a Asociación Empresarial de Festivais de Galicia aínda non saben de maneira oficial que festivais se van poder realizar. A súa posible celebración dependerá dos protocolos de medidas preventivas que haxa que adoptar e que de momento se descoñecen.

Principais demandas do sector
Alén de recoller datos do sector, foron entrevistados os responsables de todas as entidades relacionadas co ámbito da música (Federación de la Música de España, Asociación Músicas ao Vivo e de Músicos ao Vivo Sociedade Coo-perativa Galega, International Music Managers Forum, Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo, Asociación Empresarial dos Festivais de Galicia e Asociación Galega de Orquestras) para ofrecer unha visión poliédrica das necesidades provocadas pola crise actual. Entre as principais demandas o informe destaca un “gran pacto con conexións nacionais e internacionais, que podería ser un acicate do desenvolvemento económico e social de Galicia nos vindeiros anos”.
En paralelo, solicitan facer cambios na contratación pública e a Seguridade Social, o financiamento empresarial, as subvencións públicas ou a modificación dun marco fiscal de tributación adaptado á súa singularidade. Ademais, insisten na pertinencia de accións concretas como a reprogramación das actuacións suspendidas temporalmente, o pagamento anticipado dunha parte das actuacións aprazadas e a execución íntegra do orzamento de gasto no sector asignado polas diferentes administracións públicas para o 2020. Pero tamén reivindican unha política cultural afastada da gratituidade porque, segundo o estudo, “non resultaría un estímulo sostible”.

Unha das grandes esperanzas é o Xacobeo. “Apúntase como unha oportunidade para canalizar axudas para empresas e artistas galegos, pero tamén como un acicate para o turismo e a cultura” asegura o informe. Ademais, o documento tamén recolle que o sector considera que hai que “protexer o patrimonio cultural propio, máis que pensar en grandes estrelas do panorama internacional”.

Os diferentes colectivos tamén propoñen liñas de crédito oficial en condicións vantaxosas, fondos para cubrir a falta de ingresos e os danos causados polas cancelacións, o aprazamento da débeda tributaria e a redución do IVE no prezo das entradas e as contratacións artísticas.

No ámbito artístico, as asociacións consideran necesario un plan de relanzamento da actividade cando remate o confinamento da poboación. Ademais, o documento destaca que “en xeral, para o público da música en directo o streaming non é exactamente unha alternativa porque este tipo de contidos en moito casos non ten a calidade suficiente”, ademais dos problemas legais con estas difusións.

Relevancia económica e cultural
O DT compila datos de todos os informes existentes (AGADIC, IGE, Ministerio...) para dimensionar a importancia deste sector da cultura tendo en conta unha dobre vertente: a económica e a cultural. No que ten que ver coa primeira, abonda con ver que supón 274 millóns de euros ao ano segundo a conta Satélite de Cultura do IGE. Existe unha traxectoria de investimento en gasto público en Cultura crecente amparado polo feito de que o impacto económico da música popular é moi destacable. O DT puntualiza que non existen estudos xerais do sector, pero si é posible comprender a súa dimensión a partir de traballos parciais. Por exemplo, o DT cita un estudo de 2018 da AGADIC sobre algúns dos festivais reunidos baixo a marca FEST Galicia, creada pola Xunta de Galicia para promover o territorio galego como destino musical. Nese ano, os festivais PortAmérica, Resurrection Fest, Sinsal SON Estrella Galicia, SonRías Baixas e Revenidas tiveron un impacto económico moi significativo, que ía desde 504.248 do Sinsal SON ata os 8.534.061 do Resurrection, pasando polos 1.698.349 euros do PortAmérica, nas súas estimacións máis conservadoras. “O retorno de investimento (ROI), calculado a partir da suma dos importes das axudas e subvencións da Xunta de Galicia, é maior canto maior é o evento, e vai dende os 17 euros por euro investido no festival Sinsal aos máis de 180 € do Resurrection Fest” confirma o Documento de Traballo.

No que ten que ver coa vertente cultural, os responsables das diferentes asociacións que agrupan ao sector consideran que neste tempo de confinamento se puxo de manifesto a súa necesidade. “Grazas á música que milleiros de artistas difundiron en redes sociais e mediante streaming, a sociedade é capaz de soportar mellor o confinamento” aseguran no informe.

Fontes de información
Para a redacción deste informe solicitouse a colaboración de Joaquín Martínez Silva (Kin Martínez), presidente da Federación de la Música de España, Esmúsica; Manuel Alonso, representante da Asociación Músicas ao Vivo e de Músicos ao Vivo Sociedade Cooperativa Galega; Patricia Hermida, do International Music Managers Forum; Alberto Grandío, presidente da Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo (Clubtura); Jordi Lauren, membro directivo da Asociación Empresarial dos Festivais de Galicia e or-ganizador do festival SonRías Baixas, e Manuel Ángel Fariña Negreira, presidente da Asociación Galega de Orquestras (AGO). Ademais, recóllense datos da SGAE, o Ministerio de Cultura e Deporte, o Instituto Galego de Estatística, a Axencia Galega das Industrias Culturais, a Fundación Son de Seu e o BOE.

A actividade do Observatorio da Cultura Galega
O Observatorio é un servizo dependente do Consello da Cultura Galega que pretende encher o baleiro de información existente sobre a cultura a través dun método rigoroso e estándar de recolleita de información. A produción fundamental do Observatorio é a información estatística, aínda que entre as súas funcións está a redacción de informes de tipo cualitativo e avaliativo. Todos os resultados teñen como fin último contribuír ao desenvolvemento de políticas culturais sobre unha evidencia empírica.

Outras noticias que te poden interesar: