NOTICIA

----

A sétima sesión dos “Diálogos confinados” pon de relevo a importancia do audiovisual para a sociedade

As películas, as series, as curtametraxes.... os produtos audiovisuais en xeral foron claves para que a sociedade puidese superar este confinamento. Esta é unha das ideas centrais que saíron da sétima sesión do ciclo “Diálogos confinados”, na que participaron dúas figuras ben coñecidas do sector audiovisual: Paula Cons e Mamen Quintas. O estado de alarma sorprendeunas en fases diferentes dos seus traballos: a Mamen en plena rodaxe da serie “Tres camiños”, e a Paula a piques de estrear a longametraxe “A illa das mentiras” en salas de cinema. Moderadas por Xermán Hermida, xornalista de Culturagalega.gal, falaron das rodaxes, da situación dos actores, dos festivais, da necesidade de desgravacións fiscais e de como esta parálise afectou a toda a cadea de produción deste sector.

“O sector audiovisual vive sempre nunha situación moi complicada, sabemos o que é o vivir ao límite” asegurou a produtora Mamen Quintas. Estaba saíndo de Pamplona, en plena rodaxe da serie “Tres camiños”, unha das grandes apostas das Xunta para o Xacobeo, cando se decretou o estado de alarma. “Houbo que desfacer un equipo de máis de setenta persoas, recoller equipos, cámaras, tráilers e que a xente chegase ben ás súas casas en Francia, Alemaña e distintas partes de España... e todo isto en doce horas” manifestou. Os seguros non cobren pandemias e a situación foi moi complicada; con todo, Mamen fixo gala dunha actitude moi positiva e considera que este tempo de confinamento serviu para “repensar o proxecto, facer a banda sonora e avanzar o que se puidese con gran man esquerda”. Desa flexibilidade e rapidez de adaptación tamén se serviu Paula Cons, que viu como a súa película “A illa das mentiras”, que conta a historia do naufraxio do Santa Isabel fronte á illa de Sálvora, se estreou primeiro en Arxentina que en España. Sen festivais, sen mercados e coa xente confinada, Paula considera que a estrea en España “será moi diferente de como estaba deseñado, pero estamos moi afeitos a reinventarnos, a pensar formas novas e a adaptarnos”.

“O noso sector sempre é complicado, descontinuo, con falta de estabilidade e sempre vivimos en precario” asegura Mamen, co asentimento de Paula Cons. As dúas coinciden en que se fala moito de rodaxes, pero para elas o máis dramático é a situación dos actores/actrices e dos técnicos/as. “Son a parte máis delicada porque non teñen un contrato continuado, senón moitos pequenos contratos. Ao ter que parar agora, e encadear etapas sen contrato porque non se poden facer os proxectos, estamos a ver situacións realmente dramáticas” afirma Paula Cons. Na súa opinión “os actores, actrices, técnicos e técnicas están totalmente desprotexidos e teñen moi difícil reinventarse nestes meses”.

Unha crise que obriga a cambios
No marco da conversa saíron diferentes situacións e que a pandemia actual obrigará a cambiar as rutinas. O primeiro dos cambios comeza nas rodaxes. Mamen Quintas explicou que, cando volveron á rodaxe hai unha semana, o fixeron nunhas condicións ben especiais. Necesitamos “hoteis só para nós, cun plan de prevención sanitario, toda a equipa fixo o test, temos un sanitario tomando a temperatura, maquillaxe e o seu material é individualizado..., todo é mais custoso”. Pero as dúas coincidiron en que haberá cambios tamén nas narrativas e na forma de interpretar, con menos contacto físico entre os protagonistas, cambios de planos previstos... mesmo secuencias que se restrinxen.
Outro aspecto no que haberá mudanzas é na participación en mercados e festivais. “A semana pasada participei nun festival en que me seleccionaron cun proxecto dunha serie e, no canto de estar nunha gran cidade defendendo o traballo, estaba na miña casa competindo..., está sendo tremendo porque ten moita menos visibilidade” contou Paula. Mamen explicou que, perante a incerteza dalgúns festivais, elaboraron materiais promocionais dos seus produtos en varios idiomas para poder vender.

O positivo
Con todo, Paula Cons e Mamen Quintas consideran que desta crise hai cousas positivas. “Se alguén salvou a xente do mundo do audiovisual fomos nós” asegurou Paula Cons. Para Mamen Quintas este tempo permitiu ver que “para saír adiante non che axudou ter dúas casas, ou trinta pares de zapatos, senón un par de plataformas e contidos”. Ademais, engadiu que “foi tan alto o consumo de produtos audiovisuais, que as plataformas están a contratar contidos”. Ambas as dúas consideran que no futuro veremos cambios nesa liña.

A resposta das administracións
Mamen Quintas coida “que a nivel estatal estamo moi lonxe porque non hai unha política clara, e téñoo máis claro aínda cando os meus socios alemáns ou franceses me contan as medidas dos seus países”. Paula Cons cre “que houbo unha oportunidade perdida porque, por exemplo, o Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) non habilitará axudas ao desenvolvemento de proxectos que considero vitais”. Flexibilizáronse as medidas para poder cobrar as subvencións, permítense as estreas en liña, a obriga de salas non é en 10 senón en 5, entre outras medidas. Con todo, o Goberno galego foi máis rápido e máis áxil que o central. “En Galicia incrementouse o orzamento e flexibilizaron moitas vías para facilitar o cobro das subvencións” explicou Paula. Ambas as dúas cren tamén que é o momento de centrarse en desgravacións fiscais.

O proxecto
Esta serie de entregas audiovisuais, a modo de pílulas culturais, ten como obxectivo darlle voz á cultura galega nesta situación de parálise. Diferentes voces dos múltiples ámbitos que abrangue o complexo sector cultural achegarannos as súas percepcións sobre a realidade que están a vivir mediante breves diálogos moderados por persoas vinculadas ao Consello da Cultura Galega. Coñeceremos tamén as súas expectativas de futuro a curto e medio prazo e mais que medidas cren necesario adoptar para paliar os estragos que a parálise está a causar no mundo da cultura. O obxectivo é tecermos unha radiografía polifónica da cultura confinada desde Galicia, coas súas perspectivas e demandas para un futuro inmediato. En sesións anteriores prestarouse atención ao sector da arqueoloxía, ás fundacións literarias de ámbito rural e á creación literaria, entre outros temas.