NOTICIA

----

As estratexias e ferramentas de actuación pechan o ciclo do Consello da Cultura Galega que analiza a cultura nos concellos

A principios de maio, o Consello da Cultura Galega botou a andar o ciclo “Xestión e políticas culturais nos concellos. Retos ante a Covid-19” para tomarlle o pulso á cultura municipal. Era unha reflexión necesaria porque os concellos sustentan a metade do gasto en cultura. Neste tempo pasaron por este ciclo máis dunha vintena de especialistas cuxas intervencións se poden ver desde o web institucional. O ciclo, coordinado por Sergio Lago, remata esta semana coa realización da última mesa: “Estratexias e ferramentas de actuación”. Desde hoxe e ata o venres publicaremos diferentes vídeos nos que trece especialistas comentarán todos os aspectos que cómpre definir para poder retomar a actividade cultural tras o confinamento: os protocolos de seguridade, os novos formatos, a transformación dixital... A análise de hoxe céntrase en definir os protocolos, seguridade e confianza da nova normalidade.

A terceira cita do ciclo céntrase na análise dos principais ámbitos e liñas de acción que durante as primeiras conversas se identificaron como prioritarios para o futuro da xestión e políticas culturais en Galicia. Trece axentes culturais darán ás claves para o desenvolvemento destas novas ou remudadas liñas de traballo. Esta sesión divídese en catro apartados: a relación co tecido cultural do territorio, o camiño da nova normalidade (que tratará sobre protocolos, seguridade e confianza), os novos formatos e a transformación dixital. Cada día emitirase no web do Consello da Cultura Galega un vídeo de cada bloque, cunha duración duns 2o minutos e no que se inclúen intervencións breves dos relatores e relatoras.

Hoxe martes
Neste momento de reactivación da actividade e de re-apertura dos espazos culturais, achegámonos ás claves para poder facelo dende as dúas premisas principais que marcarán esta nova etapa: garantir a seguridade e xerar confianza no público. Abarcamos a situación en eventos ao vivo, tanto ao aire libre como en recintos pechados, e tamén a perspectiva dos espazos expositivos e museísticos.

Ademais do enfoque da oferta de consumo cultural, tanto de programacións artísticas como de xestión de visitas a espazos culturais, tamén nos interesamos por aquelas liñas de traballo máis ligadas á participación social e polo tanto baseadas no relacional e no encontro no espazo físico. Outro elemento de análise é como as urxencias na re-activación da actividade poidan estar desprazando outros retos transversais, de gran importancia ata a chegada da Covid-19, como a sustentabilidade, a accesibilidade, a inclusión ou a participación comunitaria, especialmente no espazo público. Para analizar todo isto na intervención de hoxe están Xosé Manuel Blanco (presidente da Asociación Galega de Empresas Musicais e responsable de Nalgures Producións), Julio Gómez (codirector de Sinsal) e Encarna Lago (xerente da Rede Museística Provincial de Lugo).

O mércores analizarase a relación co tecido cultural do territorio. Para iso estará Emi Candal (socia de Urdime e responsable da Sectorial de Cultura de Unión de Coperativas Espazocoop), Fran G. Quiroga (investigador e axente cultural independente) e Dani Cánovas (animador sociocultural no Padroado da Cultura de Narón).

Os novos formatos xuntarán a Nacho Fungueiriño (socio de Culturactiva), Vanesa Siso (concelleira de Cultura, Comunicación e Igualdade no Concello de Vilalba) e Marcos López (responsable de Viva Lugo) e poderase ver o xoves.

A transformación dixital pecha o venres esta sesión con Carmen Suárez (dinamizadora TIC en San Sadurniño), Ruth Sousa (responsable de mediación dixital en BenCuriosa) e María Yáñez (directora de Vinte).

A importancia da cultura nos concellos
O gasto liquidado en cultura polos concellos triplica o das comunidades autónomas e supón seis veces máis que o estatal. En Galicia, segundo datos achegados polo Observatorio da Cultura Galega, no ano 2017 este tipo de gasto ascendeu a 138,1 millóns de euros. Nese mesmo período a Xunta de Galicia gastaba 75,2 millóns e as deputacións 35,4 millóns. Ademais, unha parte importante dese gasto autonómico e provincial distribúese entre as propias programacións, persoal e iniciativas culturais municipais. Polo que, en último termo, son os pequenos equipos das entidades locais, e mesmo profesionais en solitario, os que deseñan e executan as principais liñas de traballo cultural no país.