O Mapa Sonoro de Galicia incorpora o “Cancioneiro da seitura de Manzaneda e Terras de Trives”

“Cancioneiro da seitura de Manzaneda e Terras de Trives” é unha extensa compilación dos cánticos agrarios e festivos destas comarcas ourensás. Desde hoxe pódese escoitar na rede a través do Mapa Sonoro de Galicia, proxecto do Consello da Cultura Galega(CCG) que difunde e xeolocaliza coleccións sonoras. Este material está composto por preto de duascentas gravacións que Xosé Lois Foxo, director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, realizou e compilou ao longo de corenta anos.

Son 179 pezas que inclúen os cantos de seitura e os cantos de folións, as músicas máis emblemáticas das terras montañesas de Manzaneda e Trives. Estes novos rexistros teñen unha longa tradición histórica na comarca e a referencia máis antiga aparece xa documentada en 1900. Entre eles pódese escoitar o canto de Ludivina Pérez Ricol, que para Xosé Lois Foxo “é unha persoa emblemática que ten unha voz extraordinaria e sabía cánticos únicos de seitura que herdou de seus pais e seus avós”. Entre os rexistros que se poñen á disposición da cidadanía tamén están os ritmos de folións de Manzaneda e de Trives que se fan con instrumentos rítmicos (bombos) e con utensilios de labranza. Todos eles foron gravados e estudados por Xosé Lois Foxo ao longo de corenta anos e recollidos na publicación “Cancioneiro da seitura de Manzaneda e Terras de Trives”, que foi presentada en 2019 co apoio do Consello da Cultura Galega.

O Mapa Sonoro de Galicia
O Mapa Sonoro de Galicia é un proxecto do Consello da Cultura Galega que naceu co obxectivo de ofrecer unha perspectiva xeográfica a coleccións sonoras xa custodiadas pola institución ou por outras entidades e particulares. Está especializado en coleccións de recollida antropolóxica, etnográfica, lingüística, ou de sons da natureza, do ambiente ou da actividade humana.

“Cancioneiro da seitura de Manzaneda e Terras de Trives” completa outro cancioneiro que xa forman parte deste proxecto como é o de Quiroga, Ribas de Sil e Montañas do Lor, todos eles editados previamente por Foxo.