----

Fondo especial. Movemento Feminista Organizado en Galicia (MFOG)

O fondo especial do MFOG é o resultado de traballos iniciados desde mediados do ano 2005. Consiste na reunificación parcial, conservación, posta en valor e difusión da documentación e materias xerados por diferentes organizacións identificadas co feminismo. Son de especial interese grupos e colectivos feministas independentes e tamén os integrados en organizacións mixtas que, desde a década do sesenta do século XX, desenvolveron e/ou desenvolven a súa actividade en Galicia.



No proceso de recollida de materiais tense en conta a rede de relacións establecida por cada organización. Por iso, en 2020 teñen presencia na colección materiais relacionados con preto dun centenar de grupos e colectivos con actividade en Galicia, mais tamén doutros tantos de fóra das nosas fronteiras e relacionados cos primeiros.

Pódese ampliar información sobre o dito proceso na seguinte publicación.

Na actualidade, o fondo especial do MFOG está dispoñible para a súa consulta en sala. Ao tempo estanse a sentar as bases para a súa posta á disposición pública na rede de Internet. Contén materiais de diferente tipoloxía como pancartas, carteis, publicacións periódicas, documentación interna, dípticos, autocolantes, bandeiras, panos, boletíns, monografías ou materiais de xornadas e encontros.

Pódese atopar unha mostra destes materiais na monografía documental sobre aborto publicada en 2014 (en pdf).