Novas gravacións de Toxos e Froles e de Manuel Dopazo na décima entrega do proxecto Lousas

Da man da discográfica Victor e rexistrada en Camden (New Jersey) chega unha lousa cos temas “Alalá de Bergantiños” e “Foliada de Comba” do Real Coro Toxos e Froles de Ferrol. Canda esta podemos escoitar a Manuel Dopazo, o gran gaiteiro da emigración arxentina, que interpreta dúas melodías tradicionais vascas. Son dúas pezas destacadas da décima entrega da colección de lousas do fondo do Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega (CCG).

Proxecto Lousas


A décima entrega do proxecto Lousas, iniciativa do Consello da Cultura Galega para poñer na rede o patrimonio rexistrado en pedra, inclúe dúas pezas moi especiais. Unha delas correspóndese cunha das primeiras gravacións que rexistrou o Real Coro Toxos e Froles de Ferrol. Esta formación foi fundada a principios de 1915 polo gaiteiro Manuel López, quen dirixiu os temas tradicionais deste disco: "Alalá de Bergantiños" e "Foliada de Comba". Na outra lousa pódese escoitar a Manuel Dopazo (Silleda, 1882-Bos Aires, 1952), o máis célebre músico na emigración arxentina, interpretar dúas melodías de bailes tradicionais vascos: "Perusalda" [Porrusalda] e "Arin-Arin". Nesta gravación está acompañado por Segundo Cofreces coa dulzaina.

Esta entrega inclúe ademais varios fragmentos da ópera "Maruxa", cuxo compositor é Amadeo Vives: "Preludio" e "Dúo de Maruxa e Pablo"; e pezas de varias zarzuelas, entre elas “La del Soto del Parral” do compositor ponteareán Reveriano Soutullo e Juan Vert.

O proxecto Lousas
O proxecto Lousas é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega que pon na rede o patrimonio sonoro rexistrado en pedra. No marco deste proxecto difundíronse documentos sonoros que van desde a primeira gravación galega que se conserva, que é a do Coro Aires d’a Terra de Pontevedra e está datada en 1904, ata rexistros do gran gaiteiro da emigración galega Manuel Dopazo; amais composicións como “Alborada” ou “Negra Sombra”, interpretadas polas voces líricas máis salientables da época, por exemplo Ángeles Ottein ou Ofelia Nieto.

Este fondo chegou ao Arquivo Sonoro de Galicia principalmente por adquisición, aínda que tamén hai doazóns e cesións.