NOTICIA

----

O ciclo “Diálogos confinados” centra o foco na situación actual do deseño gráfico

O deseño ten un valor estratéxico que serve para facilitar a vida da cidadanía. Esta foi unha das ideas que centrou o debate entre Irene García e Uqui Permui, dúas creadoras que suman décadas de experiencia no mundo do deseño. Estiveron moderadas por Ramón Rozas, crítico de arte, comisario e membro da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. Todos eles protagonizaron a oitava entrega do ciclo “Diálogos confinados”, que puxo sobre a mesa a situación do deseño gráfico, das eivas actuais e dos retos de futuro.

“Os deseñadores gráficos xa traballabamos en dixital e empregabamos moito esta canle e, polo tanto, non nos afectou tanto” afirmou Uqui Permui sobre as rutinas de traballo. Agora ben, a situación foi diferente no que ten que ver cos proxectos dos seus clientes, aos que si lles afectou a parálise, xa que “algúns se pospuxeron e outros directamente se cancelaron”. Outra recoñecida deseñadora, Irene García, afirmou que “xa estamos afeitas a traballar en rede e confinadas na casa e aproveitamos este tempo para volver e pensar”. O que si quixeron deixar claro neste diálogo é que a parálise trouxo de volta algunhas novas incertezas. “A maior preocupación é que pensen que o deseño é un adorno prescindible e nós temos que trasladar que o deseño e a innovación están moi vencellados a mellorar” asegurou Uqui. As solucións pasan, entre outras medidas, por “mellorar a comunicación online e a adaptación ao medio dixital, que é importante” en palabras de Irene García.

As dúas salientaron o valor que o deseño ten, non só como imaxe final, senón como valor estratéxico que permite facilitar a accesibilidade e, en consecuencia, a vida da cidadanía. Entenden o deseño como creación, como un camiño para adiantarse ás necesidades, o que lles permite traballar colaborativamente coa clientela, tanto Administración como pemes, e conformar grupos interdisciplinares de traballo na procura de solucións e prácticas conxuntas. Problemas evidentes como a fenda dixital -entre outros- poden ser paliados se a Administración -tal e como os colectivos veñen reivindicando dende hai anos- integra o deseño como aposta estratéxica na súa toma de decisións e o entende como unha ferramenta para construír sociedade, non un simple resultado visual.

Os participantes
Irene García é socia e deseñadora en Ekinocio Comunicación, proxecto que iniciou en 2005 xunto coa tamén deseñadora Raquel Boo Anderson. Formada en Publicidade e Relacións Públicas na Uvigo, é doutora en Publicidade pola Universidade Complutense de Madrid (UCM) leva máis de 17 anos dedicada ao mundo do deseño e da comunicación, traballando principalmente con poemes galegas e tamén con organismos e institucións tanto privadas como públicas. O último gran proxecto en que estivo implicada foi o desenvolvemento da gráfica e o catálogo da 1ª Exposición do Xacobeo 2021, Galicia, un relato no mundo, organizada pola Cidade da Cultura e comisariada por Manuel Gago.

Uqui Permui é graduada en Comunicación (especialidade en Comunicación Audiovisual). Posgrao Multimedia en Deseño de Interacción e Usabilidade (UX) pola Universitat Oberta de Catalunya. Deseñadora e directora de arte en uqui.net, estudo que leva máis de vinte e cinco anos desenvolvendo diferentes proxectos no campo da comunicación, con especial incidencia na creación de estratexias que inciten á colaboración e á activación da esfera pública. Entre os seus últimos proxectos salientan a Campaña transmedia En negro contra as violencias e o Redeseño da marca Xacobeo 2021.

Diálogos confinados
“Diálogos confinados” é un proxecto do Consello da Cultura Galega que ofrece unha serie de entregas audiovisuais, a modo de pílulas culturais para darlle voz á cultura galega nesta situación de parálise. Diferentes voces dos múltiples ámbitos que abrangue o complexo sector cultural achegarannos as súas percepcións sobre a realidade que están a vivir mediante breves diálogos moderados por persoas vinculadas á institución. Ademais, serven tamén para coñecer as súas expectativas de futuro a curto e medio prazo e mais que medidas cren necesario adoptar para paliar os estragos que a parálise está a causar no mundo da cultura. O obxectivo é tecermos unha radiografía polifónica da cultura confinada desde Galicia, coas súas perspectivas e demandas para un futuro inmediato. En sesións anteriores prestaron atención ao sector da arqueoloxía, ás fundacións literarias de ámbito rural, ao sector audiovisual e á creación literaria, entre outros temas.