NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega reactiva as súas exposicións e abre en Vigo “O soño cubano da emigración galega”

O Consello da Cultura Galega (CCG) volve poñer en marcha o seu servizo de exposicións. Faino con “O soño cubano da emigración galega”, unha mostra que dá conta da importancia para Galicia da capital da Habana e que se pode visitar desde hoxe no Museo do Mar de Galicia. Esta mesma tarde haberá unha visita guiada da presidenta da institución, Rosario Álvarez; a directora do Museo do Mar, Marta Lucio, e de María Xosé Porteiro, vogal da Comisión Executiva do CCG e comisaria deste proxecto xunto con Xosé Manoel Núñez Seixas. A exposición estará aberta ata o 15 de xullo.

“O soño cubano da emigración galega” pretende percorrer as fases e facetas principais da epopea migratoria que levou a preto de 200.000 galegos e galegas a Cuba: abrangue desde a chegada dos inmigrantes ata o seu retorno, pasando polas súas asociacións, a situación da muller inmigrante, as publicacións e proxectos políticos para Galicia xurdidos en Cuba, e mais a pegada deixada polos galegos e galegas na sociedade cubana.
A mostra, en palabras dun dos comisarios, X. M. Núñez Seixas, “permitirá coñecer unha relación que se remonta moito atrás e que se acentúa no século XX”. O comisario recoñece a dificultade de ter unha cifra exacta pero as estimacións apuntan a que a illa acolleu máis de 200.000 galegos. “Hai que ter en conta que os nados en Galicia chegaron a ser o 9% da poboación total da Habana” apunta Seixas.
En preto de trinta paneis pódese descubrir o perfil do galego emigrante na Habana (persoas novas, maioritariamente varóns, procedentes de sectores medios, que se integran no pequeno comercio, que chegan a Cuba a través de redes familiares e mecanismos persoais...) e coñecer o espertar dunha conciencia galega en Cuba que explica que boa parte dos símbolos da nosa identidade tivesen alí a súa raizame. Fotografías, documentos privados, materiais procedentes do asociacionismo galego ilustrarán esta mostra que revisa unha destacada e potente relación histórica. Ademais, permite recoñecer o mesto tecido asociativo galego dende 1871, unha esfera pública artellada por cabeceiras de prensa propias e decenas de sociedades microterritoriais ou de instrución. Nela resoarán, ademais, os movementos sociais e políticos desenvolvidos en Galicia dende finais do século XIX, dende o rexionalismo até o agrarismo e o nacionalismo.

Galicia-A Habana
A Habana foi, durante décadas, a segunda cidade do mundo con máis habitantes nados en Galicia, só superada por Bos Aires. Á altura de 1919, máis dun terzo dos inmigrantes españois en Cuba e o nove por centro dos habaneiros nacera en Galicia. Pero Cuba foi moito máis que o destino de milleiros emigrantes, foi o caldo de cultivo que mantivo viva a nosa intelectualidade. Non hai máis que ver a pegada que os colectivos galegos deixaron na Habana para facernos unha idea da efervescencia cultural e a importancia que tivo na nosa cultura. Ademais dos nomes, títulos e iniciativas que se fraguaron a principios do século XX, hai tres símbolos que marcan a nosa identidade que foron froito do espírito creador emigrado na illa: a bandeira, o escudo e o himno.

A itinerancia
A mostra inaugurouse na Habana en 2019 en plena campaña para conmemorar o cincocentos aniversario da creación da capital cubana. Alí estivo no que foi o teatro máis importante de América Latina: o Gran Teatro da Habana, antiga sede do Centro Galego. Desde alí itinerou a Santiago de Compostela, onde se puido ver no Museo do Pobo Galego entre novembro e xaneiro.

Exposicións
O Consello da Cultura Galega conta cun programa aberto a institucións, espazos, centros de arte ou calquera entidade interesada en exhibir na súa sede unha das exposicións itinerantes da institución. Este servizo, que foi suspendido durante o confinamento, reactívase desde hoxe. O catálogo de mostras e as condicións de solicitude e préstamo están dispoñibles desde o web do CCG.