NOTICIA

----

O ciclo “Diálogos confinados” aborda os cambios do mundo da moda na novena sesión

“Cambiará todo moito, pero non será tan radical nin de maneira inmediata porque as estruturas da moda son moi grandes e importantes” asegura Alfredo Olmedo, un dos responsables, ademais de Charo Froján, da empresa téxtil D-Due. Eles, xunto coa directora da Escola de Deseño e Moda de Galicia (Esdemga), Lola Dopico, abordaron a situación da moda na novena sesión do ciclo “Diálogos confinados”.

O profesor e creador Román Padín foi o encargado de moderar a novena sesión do ciclo “Diálogos confinados”, que puxo os ollos en coñecer como lle afectou ao sector da moda a crise sanitaria e as medidas para conter a pandemia. No transcurso da conversa abordaron os efectos na docencia desta disciplina, pero tamén no mundo da empresa e na sociedade. Todos coincidiron en que haberá moitos cambios.

Un novo paradigma
Durante o diálogo, os catro participantes coincidiron en que se vai producir un cambio de modelo. “A xente buscará outro tipo de marcas, de máis calidade, que compita en prezo e, posiblemente, suporá que o cliente sairá do circuíto tradicional da moda” afirma Charo Froján, que considera que esta crise ten tamén un lado positivo. Na súa opinión, danse as circunstancias idóneas para poñer en práctica cambios que o sector da moda xa estaba a demandar. “Era imposible seguir deseñando catro coleccións anuais nin a nivel de calidade, nin conceptual, nin estético, nin de mercado nin de produción” asegura Lola Dopico. A directora de Esdemga cre que o ritmo frenético de coleccións e tendencias xa tiña o seu modelo esgotado e esta crise posibilitará os cambios.

“Penso que haberá un cambio de escenarios de localización, creo que como resposta á Covid-19 permitirá buscar a diferenza e esixirá ir ao comercio local. Achegarte ao próximo, que che produce máis tranquilidade” asegura Lola Dopico. E engade outra variable máis: a da sustentabilidade. “A tendencia desaparece, agora buscaremos un produto que permanece máis no tempo, de calidade e que dure máis” engade Alfredo Olmedo. Desde D-Due cren que no futuro as prendas non serán de temporada, senón para o frío ou para a calor. E a roupa que a xente merque estará en consonancia coa súa maneira de vivir.

Nese novo escenario, os tres coinciden en que Galicia estará ben posicionada. “A nós, como D-Due, xa non nos afecta moito porque nós xa faciamos a nosa produción desde aquí” afirma Alfredo, que considera que “estamos en Galicia, onde hai unha cultura rural, de intervención coas mans, con gran capacidade de esforzo.... e creo que temos moitos valores para ser competitivos”.

A nivel docente, Lola Dopico cre que o confinamento foi moi complicado porque o máis importante desta disciplina é o contacto directo. “Adaptámonos a estas circunstancias pero tamén se puxo de manifesto que hai unha perda de intercambio de ideas” asegura.

O proxecto
Esta serie de entregas audiovisuais, a modo de pílulas culturais, ten como obxectivo darlle voz á cultura galega nesta situación de parálise. Diferentes voces dos múltiples ámbitos que abrangue o complexo sector cultural achegarannos as súas percepcións sobre a realidade que están a vivir mediante breves diálogos moderados por persoas vinculadas ao Consello da Cultura Galega. Coñeceremos tamén as súas expectativas de futuro a curto e medio prazo e mais que medidas cren necesario adoptar para paliar os estragos que a parálise está a causar no mundo da cultura. O obxectivo é tecermos unha radiografía polifónica da cultura confinada desde Galicia, coas súas perspectivas e demandas para un futuro inmediato. Nas edicións anteriores prestaron a atención ao sector da arqueoloxía, ás fundacións literarias de ámbito rural e á creación literaria, ao deseño ou ao audiovisual, entre outros temas.