NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega pon na rede “O aturuxo”, a primeira publicación de gais e lesbianas de Galicia

“O aturuxo” é a primeira publicación periódica de gais e lesbianas de Galicia. Foi elaborada pola Coordinadora de Colectivos Gais de Galicia (CCGG) e desde hoxe está dispoñible en “A Saia”, a hemeroteca feminista galega que mantén o Centro de Documentación e Igualdade e Feminismos (CEDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG). É unha das actividades que a institución ten previstas para celebrar o 28 de xuño, Día do Orgullo, e que se estenderán ao longo desta semana con múltiples formatos.

O aturuxo



Entre xaneiro e xuño de 1981 saíron á rúa catro números de “O aturuxo”, unha publicación gai, lésbica e de esquerdas que permite seguir as actividades dos movementos a prol da diversidade sexual en Galicia, no Estado español e no ámbito internacional. Os seus obxectivos eran contribuír de maneira determinante á loita pola liberación sexual, a denuncia da homofobia e o machismo así como a difusión dos debates do feminismo lésbico. En “A saia” pódense cosultar os catro números deste boletín da Coordinadora de Colectivos Gais de Galicia, que formaba parte da Coordinadora de Frentes de Liberación Homosexual del Estado Español (COFLHEE). Inclúe novas sobre accións e reivindicacións a prol da liberdade sexual nos ámbitos social e organizativo, particularmente as que levan a cabo as organizacións galegas. Recolle denuncias por homofobia e contra a moral sexual heteronormativa. Publica 4 entregas no primeiro semestre de 1981.

A Saia
“A Saia” é un proxecto conxunto do Consello da Cultura Galega, a través do seu Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (antes Comisión de Igualdade), e ADHUC - Teoria, Gènere, Sexualitat (antes Centre Dona i Literatura) da Universitat de Barcelona. Iníciase en 2012 e toma o nome da publicación homónima A Saia, a primeira revista feita por un colectivo feminista independente en Galicia. O obxectivo último desta proposta pasa por poñer progresivamente á disposición do público unha documentación de utilidade para todas as persoas interesadas nos movementos feministas e LGTBIQ+ e na historia contemporánea. Nestas publicacións pódense documentar con moito detalle os debates sobre as accións reivindicativas, o pensamento e as formas de creación xeradas así como as recorrentes revisións sobre a articulación do suxeito político do feminismo.

Día do orgullo
Ademais da actualización de “A saia”, o CCG realizará diferentes actividades ao longo desta semana con motivo do Día do Orgullo. Mañá mércores 24 recuperará a xornada "Pensar con orgullo" que tivo lugar en 2019 e na que participaron Lorenzo Bernini, Luis Puche, Beatriz Suárez Briones ou Marina Sáenz. O xoves 25 presentarase a a banda deseñada “Elisa e Marcela” da autoría de Xulia Vicente.
 E o venres 26 poñerase en rede a mesa de debate “Diversidade afectivo-sexual en tempos de pandemia” organizada pola Sección de Pensamento, e na que participan Eva Mejuto, Enrique Latorre e Carme Adán.