----

Nova proposta para a normalización do galego no ensino

A Mesa pola Normalización Lingüística, A AS-PG, Nova Escola Galega, a Confederación de ANPAS Galegas e os sindicatos CIG-Ensino, CSIF e STEG presentaron publicamente o documento “Proposta de bases para a normalización do galego no ensino en Galiza”. Nel apóstase por un modelo no que o galego se considere lingua vehicular de todo o ensino e, polo tanto, se empregue na docencia de todas as materias e niveis educativos. Nos vindeiros días as entidades promotoras presentaranlles o documento ás diferentes organizacións políticas e sociais, co ánimo de que se adhiran a unha proposta que se considera de urxente implementación, tendo en conta que os últimos datos demolingüísticos confirman que a transmisión interxeracional non está garantida e a situación é especialmente preocupante na franxa de poboación de entre 5 e 14 anos, onde só o 26,12% fala “só galego” ou “máis galego que castelán”.