----

Francisco Díaz-Fierros Viqueira explora o universo da revista Nós

Retorno á paisaxe

Nós : Boletín Mensual da Cultura Galega, (133), pp. 12-19.
Retorno á paisaxe. (1935).



O libro Lugares y caminos. Paisaje de Galicia (Ediciós do Castro, 1989), malia que descoñecido, non deixa de ser un dos mellores textos sobre a paisaxe galega. Escrito por Luís Manteiga nos anos da posguerra, ofrece un dos testemuños máis emocionantes que se fixeron desde unha compenetración fonda e sentida coas terras e os homes de Galicia. O autor, que morreu esquecido e só no hospital de San Caetano en Santiago en 1949, foi recuperado non hai moito para o teatro galego por Laura Tato Fontaíña, que tamén nos deu uns cantos apuntamentos sobre a súa biografía e obra, nos que xa sinalaba a súa orixinal ollada da paisaxe. De todas as maneiras, coido que esta faceta da súa interesante e variada produción merecía unha maior difusión, comezando polo seu artigo en Nós “Retorno á paisaxe” (n.º 133, 1935), que foi onde manifestou por primeira vez ese interese.

Nel fai unha apaixonada defensa da paisaxe galega, a onde hai que “retornar” para fuxir da cidade, que “é pura mecánica, fría, rixidez de liñas rectas e cristaes poliédricos, esquemática xeometría sen curvas, deshumanizada voráxine”. Pero esta volta ao campo hai que facela “non cos ollos cegos e cansos de turistas” nin co “afán minucioso dos especialistas”, senón cunha ollada de “plenitude abarcando o conxunto, atravesando os corpos, e sorprendendo o misterio dos somas e o alento dos rumores”. O seu compromiso persoal nese “retorno á terra, a natureza, ó esprito fino da natureza” que el pregoa é máis ben “un símbolo, un senso total de comprender a vida… de valorar as cousas pol-o que en realidade son”.

Finalmente, propón a Colmeiro, Eiroa e Iglesia Alvariño como ”tres xeitos de cantar a terra, tres formas de retornar á paisaxe… coores e luces, formas e masas, verbas e músecas…”. Pon en dúbida, para a “nosa renacenza”, as solucións políticas e sociais, polo que conclúe que o traballo se ten que orientar, sobre todo, ao que é “a esenza primodial do home… no que hai no home de superhome, ou si preferides, de deus”; en definitiva, que “debe ser fondamente un movimiento cultural” e “só ese camiño nos pode salvar das angurias da época”.


Francisco Díaz-Fierros Viqueira
Un texto de Francisco Díaz-Fierros Viqueira
Catedrático emérito de Edafoloxía da Universidade de Santiago