----

Carme Fernández Pérez-Sanjulián explora o universo da revista Nós

A xeración de Risco

Nós : Boletín Mensual da Cultura Galega, (131-132), pp. 182-184.
A xeración de Risco. (1934).




A conmemoración do centenario de Nós mestúrase, en afortunada coincidencia, coa dedicatoria neste 2020 do Día das Letras a Ricardo Carvalho Calero, quen foi, como é sabido, un dos colaboradores da revista. Nela viron a luz algúns dos seus primeiros poemas en galego e nela estreou tamén a súa faceta de crítico a través da publicación de recensións e artigos de asunto literario nos que reflexiona sobre textos de autoría e orixe diversa.

No ano 1934, un Carvalho Calero mozo, cun estilo que xa prefigura o que vai caracterizar o seu labor posterior no campo da historia literaria galega, analiza a relevancia e non só cultural do grupo de intelectuais que, cun esforzo sostido e en estreita relación con sectores máis novos, está a desenvolver na altura un sólido proxecto de construción nacional.

O artigo ten o valor engadido de ser unha crónica en tempo de real de procesos que se están a desenvolver na inmediata contemporaneidade, o que pon de relevo a capacidade de síntese e a perspicacia crítica do autor á hora de analizar as achegas en diversos ámbitos do grupo, con atención especial á produción literaria. Neste sentido, subliña os trazos caracterizadores dalgúns dos autores do que denomina segundo renacemento galego (nomeadamente, Risco, Otero Pedrayo e Castelao) ao tempo que insiste nas claves ideolóxicas que orientan a súa produción artística (a idea galeguista que funciona como un deus ex machina) pois, tal como sinala Carvalho, unha das creacións fundamentais desa xeración foi o nacionalismo galego.


Carme Fernández Pérez-Sanjulián
Un texto de Carme Fernández Pérez-Sanjulián
Profesora titular na área de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña.