----

Teresa Táboas explora o universo da revista Nós

Territorio e identidade

Nós : Boletín Mensual da Cultura Galega, (81), pp. 176-178.
Notas encol do sentimento da paisaxe n’antiga epopeya irlandesa (1930).




CCG_pr_mm-especial-nos-ban-

O territorio galego, ese espazo xeográfico habitado ao longo dos séculos polos que nos precederon, está determinado fisicamente polas súas condicións climatolóxicas e xeolóxicas, o que lle proporciona unha topografía, unha vexetación, unha fauna ou unha climatoloxía específicas. Daquela, todos estes condicionantes definiron unha maneira diferenciadora de ocupalo, e de crear e desenvolver economías específicas ao redor dos recursos naturais que ofrece. E así foi configurándonos como pobo, e aínda que é un dos alicerces, xunto coa lingua, sobre os que está construída a nosa identidade, antes fomos territorio.

Un territorio nun dialogo continuo coa sociedade que o vai ocupando; é dicir, resultado da acción directa dos que o usaron historicamente, dos que o habitan na actualidade e dos que o farán nun futuro, nunha relación simbiótica entre o home e a terra, que amosa todos os movementos económicos, sociais e culturais. O noso ADN, porque conserva todas as pegadas ao longo da nosa historia e representa, polo tanto, unha importante ferramenta de semente dialéctica na vida política, sen lugar a dúbidas un instrumento ideolóxico de primeira orde.

Porén, como arquitecta e como galega, a cuestión territorial é para min un elemento identitario esencial na constitución da nación galega. E esta visión do territorio como elemento esencial da identidade dos pobos reflíctese maxistralmente na revista Nós en moitos dos seus artigos ao longo dos anos.

Seguramente Otero Pedrayo é o que máis incide na cuestión en textos como “Problemas de xeografía galega” ou “Ensaios encol do estilo da paisaxe”. Pero para min, particularmente, o artigo que máis valoro del nesta materia é “Notas encol do sentimento da paisaxe n’antiga epopeya irlandesa”.

Por outra banda, tamén referido a esa forma de habitar o territorio e que amosa a decadencia dun tempo, que enlazaría perfectamente coa actualidade do noso contorno rural, destacaría o fermoso conto: “O señor feudal” de Vicente Risco, publicado en febreiro de 1930, cun marabilloso debuxo de Xurxo Lorenzo.


Teresa Táboas
Un texto de Teresa Táboas
Doutora Arquitecta