NOTICIA

----

Personalidades da cultura galega revisan en clave actual a revista Nós nun especial

“Olladas sobre nós” é un especial web do Consello da Cultura Galega (CCG) que ofrece unha lectura actual da revista Nós, un dos proxectos culturais decisivos da Galicia contemporánea que cumpre neste 2020 o seu centenario. Doce personalidades relevantes da cultura galega actual seleccionan e comentan diferentes artigos que foron publicados nesta revista entre 1920 e 1936. O resultado é unha lectura contemporánea desta centenaria publicación desde un punto de vista científico, social, persoal ou cultural e que se irán publicando todos os martes ata o 15 de setembro. Na primeira das entregas, Antón Santamarina analiza unha das seccións máis activas da revista: o “Arquivo filolóxico e etnográfico de Galiza”.

O catedrático de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago de Compostela Antón Santamarina é o encargado de abrir o especial “Olladas sobre nós”. No seu artigo fai unha análise da sección “Arquivo filolóxico e etnográfico de Galiza”, que Vicente Risco programou coa intención de dar acollida “ás investigaciós etnográficas, filolóxicas e folclóricas e a toda clas d'estudios que se propoñan o millor coñecemento do pobo galego”. Foi unha das seccións máis habituais da revista e tivo 89 entregas nas que participaron, ademais do propio Risco, Ben-Cho-Shey, Fermín Bouza Brey, Xaquín Lorenzo, Antonio Fraguas, Martínez López, Castelao, Losada, Cotarelo, Cabeza de León, Noriega, A. Noguerol e tamén unha morea de alumnos e alumnas da Escola Normal de Ourense. Nesta sección falaron pouco de asuntos filolóxicos (alcumes, nomenclatura das moedas de cobre, nomes da Digitalis purpurea, papeletas para un dicionario, xerga dos cesteiros, comparanzas…) e moito de literatura popular: desde adiviñas, refráns, cantigas e romances, ata do mundo das crenzas (a compaña, as bruxas, a relixiosidade), pasando polo ciclo das festas relixiosas ou profanas (da Semana Santa, do Entroido…) ou a medicina popular.

“Sente un a tentación de imaxinar a onde terían chegado os estudos filolóxicos e etnográficos de non se ter interrompido Nós e o que significaba. O que está claro, e non é ningunha historia contrafactual, é que entre a xeración de Nós e a nosa houbo unha xeración case perdida para a cultura galega e para moitas outras cousas; tamén é real que o menos malo que nos puido pasar é que algunhas daquelas persoas seguisen aínda vivas polos anos sesenta para facernos ver Galicia como tarefa” conclúe Antón Santamarina no seu texto.

Olladas sobre nós
O 30 de outubro de 1920 arrincaba en Ourense a revista Nós. Boletín mensual da cultura galega, un dos proxectos culturais decisivos da Galicia contemporánea. No marco das actividades previstas polo Consello da Cultura Galega para celebrar esta efeméride está “Olladas sobre nós”, unha revisión actual da publicación. Neste especial pedíuselle a personalidades relevantes da cultura galega actual que deiten a súa atención sobre a revista e seleccionen algún dos textos que, ao seu xuízo, foron decisivos no seu itinerario persoal ou para o conxunto da cultura e sociedade galegas. Partiuse da división temática do coñecemento que estableceu o Seminario de Estudos Galegos para propoñerlles a nomes como Marica Campo, Susana Reboreda, José Antonio Gómez Segade, Uxío-Breogán Diéguez, Francisco Díaz-Fierros, entre outros, a súa propia ollada da revista desde un ángulo actual. O resultado é unha ducia de artigos que se irán publicando cada martes e que ofrecerán unha visión da revista desde un ángulo actual.

Este proxecto no marco dun centenario
No marco das actividades organizadas polo Consello da Cultura Galega para celebrar o centenario da aparición da revista Nós púxose en marcha o especial web “Nós: de onte a hoxe”. Este repositorio web xunta as biografías desta xeración pero tamén pon á disposición da cidadanía materiais documentais (publicacións, recursos sonoros, imaxes...) que conectan o legado desta xeración co presente.

O especial inclúe tamén o apartado “Os quixotes da terra van de camino”, que publica os roteiros manuscritos que Ramón Otero Pedrayo deseñou na década dos sesenta para o seu amigo Silvio Santiago, unha das personalidades da colectividade galega en Venezuela. A través destes itinerarios Pedrayo preséntalle o país a este emigrante en clave xeográfica pero tamén identitaria e cultural.

Este apartado permite consultar o manuscrito, ler a súa transcrición e realizar unha viaxe multimedia seguindo os pasos de Otero Pedrayo. A través da plataforma Arcgis, que facilita construír narrativas a partir da xeolocalización, ofrécese un itinerario segundo o concibiu Otero Pedrayo e nel incorpóranse materiais recentes elaborados por outras entidades e colectivos que evidencian que a concepción de cultura, de paisaxe e de territorio recollida pola sociedade galega contemporánea nace na xeración Nós. O historiador Afonso Vázquez-Monxardín é o editor literario dos textos deste apartado do especial e o equipo do Consello da Cultura Galega encárgase da adaptación ao formato multimedia.