----

Un estudo do Consello da Cultura Galega apunta a un longo camiño na dixitalización da acción cultural

Perdeuse o medo a experimentar cos formatos dixitais, apareceron novos espazos de reflexión, reprogramouse a actividade e os profesionais buscaron novas fórmulas para reabrir espazos e reactivar de programacións. Esta é a análise das medidas adoptadas durante a crise da COVID-19 que figuran no Documento de Traballo “Xestión e Políticas Cultura nos concellos. Retos ante a COVID-19” realizado poa Comisión técnica temporal de xestión e políticas culturais do Consello da Cultura Galega (CCG). O documento, que alerta dun longo camiño na transformación dixital, xorde como resultado dun ciclo de mesas redondas telemáticas que coordinou Sergio Lago entre os meses de marzo e xuño e que se poden ver no web da institución.

“O informe foise realizando en tres meses e reflicte a situación dos concellos galegos ata o que chamamos a “nova normalidade”. E hai que ter en conta que é unha situación cambiente case cada semana e que aínda está aberta” explica Sergio Lago, coordinador do ciclo que serve de base ao presente informe. Nel debulláronse as iniciativas e descríbense as medidas adoptadas por motivos de urxencia como as cancelacións e as reprogramacions. Deixa tamén outras alertas “hai certa preocupación pola posible saturación de oferta no outono ou a falta de certezas sobre a cando e onde se van localizar futuras programacións gratuítas promovidas polas distintas administracións”.

Os aspectos máis positivos
A cultura emprega a 35.000 persoas en Galicia. Malia a súa dimensión, o documento considera que os espazos de reflexións sobre a xestión e as políticas culturais foron tradicionalmente escasos. O confinamento foi un momento especialmente vizoso para a reflexión, aspecto da xestión cultural que serve para deseñar cal debe ser e a quen debe ir dirixida a acción cultural municipal. O informe destaca esta situación como o máis positivo da crise e confía en que non sexa temporal.

As adaptacións
O documento de traballo recolle medidas de adaptación que se desenvolveron nestes tres meses, como promover cambios no formato de actividades para evitar a proximidade física entre o participantes, primar as actividades de realización autónoma e reforzar o deseño de recursos educativos e divulgativos de carácter dixital. Considera que a pandemia serviu de acelerador dalgunhas propostas e que, segundo apuntan os indicadores, algúns poderán convivir. Con todo, “aínda que inicialmente se prevía que as limitacións xerarían un bo número de formatos innovadores, especialmente de pequeno tamaño, nesta fase de “nova normalidade” percíbese máis ben unha mera adaptación técnica no que respecta a capacidades e distancias de seguridade”. Con todo, constatouse que se perdeu o medo a experimentar e, para Sergio Lago, só “cómpre agardar para ver por onde van ir os cambios”.

As incertezas
“Queda por ver como se irá resolvendo a incómoda imaxe inicial de patios de butacas moi baleiros, con público enmascarado e disperso. Probablemente vexamos máis propostas para mellorar o conforto e o ánimo do público que grandes adaptacións en escena” asegura o documento. Tamén pon sobre a mesa a reapertura de vellos debates como a gratituidade dos eventos e a competencia que supón para as iniciativas privadas.

A acción da Administración
A política de “cancelación 0”, e a de “pagamento do 100%”, que permite atender contratos existentes con axilidade para manter o emprego e permitir que os sectores conserven liquidez, son algunhas das medidas adoptadas pola admininistración como medidas urxentes para conter a pandemia. Nesta liña puxo como o exemplo a Rede Galega de Teatros e Auditoros da AGADIC, que flexibilizou as súas medidas de cara a contratación do segundo semestre; ou a Rede Cultural da Deputación da Coruña que estendeu ata o primeiro trimestre de 2021 a realización de espectáculos.

O documento recolle outras iniciativas interesantes que marcan un camiño de futuro como o “pacto para protexer a cultura local” da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) que contén medidas como a flexibilización de parámetros como a estabilidade orzamentaria ou a regra de gasto.

“As administracións locais responderon tamén levando contidos a rede, improvisando cos recursos e competencias dos que dispuñan” pero tamén recoñece que queda un longo camiño na transformación dixital nos concellos.

A importancia da cultura nos concellos
O gasto liquidado en cultura polos concellos triplica o das comunidades autónomas e supón seis veces máis que o estatal. En Galicia, segundo datos achegados polo Observatorio da Cultura Galega, no ano 2017 este tipo de gasto ascendeu a 138,1 millóns de euros. Nese mesmo período, a Xunta de Galicia gastaba 75,2 millóns e as deputacións 35,4 millóns. Ademais, unha parte importante dese gasto autonómico e provincial distribúese entre as propias programacións, o persoal e iniciativas culturais municipais. Son, polo tanto, os concellos os que sustentan as principais liñas de traballo cultural no país. Por iso, desde a Comisión Téncica de xestión e políticas culturais consideraron poñer o foco na cultura municipal e da que xorde o presente documento de traballo.

O informe recolle os resultados do ciclo virtual “Xestión e políticas culturais nos concellos. Retos ante a Covid-19” cos que o Consello da Cultura Galega debateu os retos, perspectivas, estratexias e ferramentas das políticas culturais dos concellos en Galicia entre o 14 de marzo e o 14 xuño. Pero tamén o conxunto de documentos de traballo, informes e conxunturas realizadas polo Observatorio da Cultura Galega durante este tempo. É tamén o informe que referencia os documentos, recomendacions, indicacións, protocolos que a adminsitración e o sector foi elaborando a medida que se avanzaba nas medidas de contención e prevención da pandemia.