NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega urxe a conservación da Fonte do Troncoso en Mondariz

A Fonte de Troncoso é un espazo proxectado polo arquitecto Antonio Palacios dentro do Conxunto do Hotel- Balneario de Mondariz. O edificio atópase nun ruinoso estado de conservación e o Consello da Cultura Galega (CCG) acaba de facer público o “Informe sobre a Fonte do Troncoso e a súa situación de emerxencia” no que insta á Administración Galega á súa conservación. O documento, solicitado a instancia do colectivo SOS Fonte do Troncoso, pódese descargar desde o web do CCG.

En 2019 colapsou a coberta dun dos dous volumes que conforma a fonte do Troncoso. En setembro dese ano, o colectivo “SOS Fonte do Troncoso” solicitou un informe no que alertaba do avanzado estado de deterioro deste ben. A sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG, coordinada por Rebeca Blanco-Rotea, foi e encargada da elaboración deste informe que recoñece a singularidade da edificación e insta á “Administración galega a que aplique medidas de protección activas que garantan a conservación dos bens protexidos que formen parte do patrimonio cultural de Galicia xa que os titulares da Fonte de Troncoso non están levando a cabo a súa obriga na protección deste elemento”. O informe está dispoñible desde o web do CCG.

Antecedentes e historia desta fonte
As propiedades salutíferas dos mananciais do Troncoso e Gándara, ambos os dous en Mondariz, foron recoñecidas por Pedro Gómez de Bedoya en 1772. Con todo, non foi ata o século XIX que se creou o Balneario de Mondariz. En 1858 o párroco Domingo Blanco Lage acondicionou o manancial, e en 1864 analizáronse por primeira vez as augas, que foron declaradas de utilidade pública en 1873.

O informe elaborado polo Consello da Cultura Galega explica que en 1907 a familia Peinador gañou un preito ao Concello de Mondariz pola titularidade da Fonte e nese momento se constrúe un muro de contención para evitar as inundacións frecuentes, unha escalinata para baixar a tomar as augas e comezaron as obras para realizar unha galería cuberta e almacéns para botellas. O arquitecto dese proxecto foi Antonio Palacios que era amigo persoal de Enrique Peinador Lines, propietario do balneario. As obras comezaron en 1909 aínda que o proxecto non chegou a rematarse na súa totalidade.
Palacios proxectou dous espazos. Un deles é un edificio de granito, nunha intención clara do arquitecto de dar unidade formal a todo o Balneario. Estaba destinado ao embotellamento de auga mineral e a vivenda e despacho para o administrador do complexo. O outro espazo contaba cunha marquesiña de planta rectangular, realizada en fundición de ferro que pechaba o manancial. A falta de mantemento e de conservación xeral do inmoble, que conduciron a un estado de deterioración cada vez maior que chegou a derrubarse en parte.
Non é a primeira vez que o CCG emite un informe sobre este espazo. Xa en 2013 o CCG fixo público o “Informe sobre a unidade do Conxunto do Hotel-Balneario de Mondariz” no que propuña a súa incorporación ao rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia (BIC), de xeito que se lle outorgase a máxima protección contemplada pola Lei do patrimonio cultural. Neste texto, que tamén se pode consultar no web da institución, facía fincapé na relación deste manancial coa unidade cultural, arquitectónica e paisaxística do meta-proxecto de Hotel-Balneario que consideraba había que preservar.