NOTICIA

----

O atraso de exposicións e o peche de salas centran a undécima edición do ciclo “Diálogos confinados”

Deseño, sinalética, iluminación, colocación das pezas..., o deseño e a montaxe de exposicións son a parte menos visible dunha mostra pero son esenciais. Dúas persoas con ampla experiencia no deseño de exposicións como Raquel Seijas, xefa de produción de Escenoset, e Jesús Mosquera, responsable de Jega Comunicación Visual, falaron de como lles afecta a crise nunha nova entrega do ciclo “Diálogos confinados”. Moderados por Rosario Sarmiento, expresaron a súa preocupación polo presente máis inmediato dun sector que xa levaba perdendo protagonismo desde 2008 co peche de numerosas salas de exposición.

“Sufrimos unha lóxica parálise total e agora estamos empezando a reactivarnos, pero dun xeito diferente do que viñamos facendo” asegura Raquel Seijas. A gran fortaleza deste tipo de empresas é que teñen diversificada a súa actividade e iso permítelles reforzar a actividade noutros ámbitos diferentes do que son as exposicións. Na volta á nova normalidade, segura Jesús Mosquera, “hai moito previsto pero hai pouca actividade cultural e estamos facendo a énfase noutros sectores que temos, como sinalética nas medidas de distanciamento da COVID-19”.
A gran diferencia desta crise con respecto a outras é a temporalidade. “Aquí o parón foi inmediato, e non podes planificar porque descoñeces o que nos espera e a planificación é moito máis lenta, polo que, de momento, é moi complicado falar de futuro” asegura Jesús. Raquel coincide nesa prevención e considera que a gran diferencia é que esta “é unha crise sanitaria e non económica, e penso que vai ser máis intensa pero tamén quero pensar que vai ser máis curta”. Ademais, alertan de que a crise de 2008 foi especialmente difícil para o sector da cultura, onde se pecharon numerosas salas de exposición e que, segundo Raquel, “se perdeu moito tecido e queda pouco por onde baixar”.

Durante o diálogo destacaron que na actualidade prima a contratación da exposición exterior e da demanda dixital, aínda que confían en que non se demore a recuperación do interior como espazo expositivo. Estes creadores consideran que esta crise debería servirnos para volver ao esencial, onde as macroexposicións dos grandes contedores culturais convivan coas exposicións locais e de pequenos artistas que necesitan tamén plataformas e espazos de difusión. Insistiron na necesidade dunha maior formación nas escolas para a valoración dos bens culturais do público do futuro. Ademais solicitaron o establecemento de medidas de protección, non só das persoas usuarias, senón tamén dos prestatarios dos servizos, a reactivación da contratación de calidade e a inxección económica por parte do sector público, a eliminación de trabas administrativas, a apertura de novas liñas de traballo e o reforzo do ámbito dixital.

Os protagonistas
Nesta undécima entrega, Rosario Sarmiento, xestora cultural, dialogou con Jesús Mosquera, creador e socio de Jega Comunicación Visual (http://jegagrafica.es/), con vinte anos de proxectos ás costas da man de entidades como ABANCA, Museos Científicos Coruñeses, Fundación Luis Seoane, Museo Unión Fenosa ou o MUNCYT; e tamén con Raquel Seijas, xefa de produción de eventos de ESCENOSET á que leva vinculada dende 2008. ESCENOSET (http://www.escenoset.es/gl) conta cun amplo abano de clientes como a Cidade da Cultura, Museo de Historia Natural Luís Iglesias da USC, Consellería do Mar, Estrella Galicia ou a TVG.

Diálogos confinados
Esta serie de entregas audiovisuais, a modo de pílulas culturais, ten como obxectivo darlle voz á cultura galega nesta situación de parálise. Diferentes voces dos múltiples ámbitos que abrangue o complexo sector cultural achegarannos as súas percepcións sobre a realidade que están a vivir mediante breves diálogos moderados por persoas vinculadas ao Consello da Cultura Galega. Coñeceremos tamén as súas expectativas de futuro a curto e medio prazo e mais que medidas cren necesario adoptar para paliar os estragos que a parálise está a causar no mundo da cultura. O obxectivo é tecermos unha radiografía polifónica da cultura confinada desde Galicia, coas súas perspectivas e demandas para un futuro inmediato.