----

O Consello da Cultura Galega inicia mañá a retransmisión do Camiño de Santiago que a xeración Nós fixo en 1926

Entre o 8 e o 11 de xullo do ano Xacobeo de 1926, un grupo de galeguistas fixeron unha peregrinación de Ourense a Compostela. Foron Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Lois Feixóo, Vicente Risco, Antón Sánchez e Afonso Vázquez Monxardín. Aquela viaxe foi narrada por Xavier Pardo en “A Nosa Terra” nunha serie de crónicas que se estenderían durante un ano baixo o título “No camiño de Santiago: vieiros de fe, vieiros de ideal”. Agora, o Consello da Cultura Galega (CCG) pon a disposición da cidadanía aquela viaxe e faino coa tecnoloxía de hoxe. Desde mañá retransmitirase polas redes sociais da institución a camiñata como se fose narrada polos homes da Xeración Nós en directo.

Os homes da Xeración Nós eran moito de andar a pé. Otero Pedrayo contou en numerosas ocasións que pasara moitos veráns percorrendo a costa de Galicia cun macuto coñecendo cada día e cada vila. Unha boa parte da Xeración Nós, e tamén do Seminario de Estudos Galegos, xira ao redor dede coñecemento directo do terreo. A peregrinación de 1926 é un exemplo que revela un fondo sentido da terra e da paisaxe dos integrantes da Xeración Nós que agora aproveitamos para contar, do mesmo xeito que pensamos que terían contado os seus protagonistas, se contaran coa tecnoloxía actual.

A viaxe
O 8 de xullo ás cinco da mañá saíron da Ponte Nova en Ourense un grupo de homes Ramón Otero Pedrayo, Lois Feixóo, Vicente Risco e Antón Sánchez . Iniciaron un percorrido que duraría catro días e aos que se lles sumou Afonso Vázquez Monxardín e Florentino López Cuevillas en Silleda. Aínda que a peregrinación remata en Compostela, no Pico Sacro fóronos agardar un Lois Tobío, Martínez López, Requejo, Noya e Antonio Fraguas que daquelas eran estudantes do Seminario de Estudos Galegos.
Sabemos desa viaxe polo óptico e escritor compostelán Xavier Pardo Badía que narrou aquel periplo en oito crónicas que se publicaron en A Nosa Terra entre 1926 e 1926. Os homes de Nós eran católicos moi practicantes, polo que non resulta estrano que fixeran o Camiño de Santiago en Ano Santo e nun momento no que primaba o espírito peregrino por riba dun itinerario concreto. Ademais, tamén permite coñecer un trazado inexistente a día de hoxe, pero que en 1926 non estaba tan definido un camiño para chegar a Santiago.

O itinerario do primeiro día comeza en Ourense, segue por Amoeiro e remata en Carballiño. O segundo día, que arrinca ás seis e media da mañá e remata á unha da madrugada, conclúe en Silleda. O sábado 10 de xullo de 1936 é o terceiro día. Súmanse á expedición Cuevillas e Monxardín, que chegan no Castromil, e continúan por Chapa, Bandeira, Balboa e rematan en Ponte Ulla. O cuarto, e último día, soben ao Pico Sacro onde se xuntan con algúns dos integrantes do Seminario de Estudos Galegos. De alí continúan por Sergude, Rodiña, Susana e entran en Santiago polo Castiñeiriño e Pontepedriña. “Daban as dez no grave relox da Catedral cando facíamos a nosa entrada polas tortuosas e sempre suxestivas rúa de San-Yago” explica Xavier Pardo nas súas crónicas.

A adaptación web
O Consello da Cultura Galega reproduce esta andaina nun especial web no que presenta unha versión multimedia dos oito artigos publicados por Xavier Pardo en A Nosa Terra no que dá conta dos pormenores desa viaxe. Ademais, adapta para web e redes sociais aquel atípico itinerario. As contas de facebook e twitter da institución comezarán a retransmitir a partir de mañá ese percorrido tal e como está descrito nas crónicas. O especial complétase cun artigo de Afonso Vázquez Monxardín, neto dunha das personalidades da peregrinación, na que comenta en clave cultural e actual a relevancia e repercusión dese itinerario.