O Consello da Cultura Galega reforzou a súa dimensión asesora durante a COVID-19

O Consello da Cultura Galega (CCG) celebrou no serán deste xoves dúas sesións plenarias nas que procedeu a informar da actividade desenvolvida pola institución durante este semestre e en especial durante o confinamento provocado pola COVID-19. A reprogramación e a adaptación a novos formatos foi a tónica xeral nun período en que se reforzou a realización de informes para coñecer o alcance real da situación no sector cultural. Ademais, en cumprimento do regulamento da institución, procedeuse á renovación da composición do plenario na quenda de persoas electivas e na de representativas.
O Consello da Cultura Galega reforzou a súa dimensión asesora durante a COVID-19

O serán deste xoves, a biblioteca do Consello da Cultura Galega acolleu dúas sesións plenarias consecutivas. A primeira sesión tiña carácter ordinario e nela deuse conta das medidas adoptadas pola institución durante o primeiro semestre do ano. A intervención da presidenta, Rosario Álvarez, detallou a actividade da institución antes e despois da declaración do Estado de Alarma. Entre xaneiro e marzo, o CCG desenvolveu 14 actividades, mantivo 3 exposicións activas e actualizou os seus proxectos de documentación (Lousas, A Nosa Terra, a posta en rede dos epistolarios cruzados entre Ramón Otero Pedrayo e Ricardo Carballo Calero...). A partir do 14 de marzo, a institución procedeu á adaptación e reprogramación da súa actividade. Neste tempo, a institución amosou unha gran axilidade para adaptarse á nova situación e a súa capacidade de innovación para reorientar a programación. Aproveitou a difusión do seu fondo documental (sonoro, hemerográfico, epistolar...) para ofrecer á cidadanía contidos culturais galegos de calidade. Co ánimo de non cancelar, explorou novos formatos de presentación das actividades programadas, con encargas de produtos culturais ao sector. Programou encontros en liña para escoitar nas súas voces as demandas e preocupacións do ecosistema cultural. Desde a declaración do Estado de Alarma realizáronse máis de cincuenta actividades (entre redifusión de fondo dixital e novos ciclos), presentáronse 10 novidades editoriais e incorporáronse á mediateca 14 libros. Reactivouse o servizo de préstamo de exposicións e dúas delas xa se poden ver en Vigo e Murça (Portugal).

A presidenta destacou o reforzo da función asesora da institución. Neste período realizáronse 5 informes directamente relacionados co impacto que a COVID-19 tivo na cultura galega. Deles, o Observatorio da Cultura Galega realizou dous documentos de traballo (“O sector do libro galego perante a crise da COVID-19” e “O sector da música popular en Galicia perante a crise da COVID-19”) e dúas análises de conxuntura (“Conxuntura estatística do ámbito cultural” e “Conxuntura laboral do mes de marzo de 2020 nas principais ramas de actividade cultural”), que testaron o sector e as primeiras cifras do impacto. A quinta achega “Xestión e Políticas culturais nos concellos” foi coordinado pola Comisión de Xestión e Políticas Culturais do CCG. Ademais, seguindo a liña asesora habitual da institución, realizáronse 15 informes de patrimonio e impacto ambiental.

Renovación da composición do plenario
A renovación do plenario produciuse nas dúas sesións plenarias. Na primeira tivo lugar a incorporación de representantes da metade das institucións que compoñen o plenario. Incorporáronse Carlos Lema Devesa pola Fundación Barrié; Xosé Carlos Beiró Piñeiro pola Fundación Rosalía de Castro; Elisa Fernández Rei polo Instituto da Lingua Galega; Daniel Lorenzo Santos polo Instituto de Estudos Xacobeos; e Julio Abalde Alonso, como un dos dous representantes das universidades galegas. Foi renovado Silvestre Gómez Xurxo pola Fundación Penzol.
A segunda sesión, de carácter extraordinario, tiña como obxecto proceder á renovación da metade dos membros electivos. Ángel Carracedo Álvarez, Rebeca Blanco-Rotea, Carme García Mateo e Xulio Ríos Paredes foron propostos e elixidos para continuar formando parte do pleno. Este será, para todos eles, o seu segundo e último mandato.