NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega lembra o Ribadeo indiano cun roteiro polo legado da emigración neste concello

Ribadeo é unha das vilas galegas nas que o legado dos indianos -os emigrantes retornados da América ao longo do século XIX e XX- permanece visible a través da súa arquitectura. Un pasado histórico que se recupera cada ano na festividade “Ribadeo indiano” que nesta ocasión se suspendeu por mor da Covid-19. Aproveitando que esta fin de semana sería lugar esta festa de recreación história podemos na rede un roteiro que explora esa conexión nun percorrido polos seus edificios máis emblemáticos.

O roteiro “Ribadeo indiano”, que se irá actualizando e enriquecendo con máis contidos e localizacións, é un paseo por algúns dos principais edificios da arquitectura civil indiana de Ribadeo. Arrinca na Torre dos Moreno e remata na Granxa-Escola Pedro Murias, despois de pasar pola casa dos Ananos e a casa do Óptico, entre outros.

Os emigrantes que triunfaron en destinos como Cuba, Arxentina ou Uruguai escenificaron ao seu retorno á terra natal a prosperidade a través de todo tipo de manifestacións. Desde a aposta por unha arquitectura do seu tempo, nidiamente diferenciada da arquitectura tradicional galega ou, ás veces mesmo, partindo dalgunhas das súas premisas, ata o impacto nas mentalidades, nos gustos, na estética e nas ideas. 

A vila ribadense, que xa era historicamente un porto con importantes influencias atlánticas derivadas do seu carácter comercial, enriqueceuse con todo tipo de novas escenografías urbanas. Grandes casas pensadas non só para subsistir, senón para afrontar unha vida de novas consideracións burguesas, pero tamén modernas escolas. Deste xeito, Ribadeo ofrece un dos mellores conxuntos urbanos do país no que comprender o encontro de dous continentes pero tamén de dúas visións do mundo.