NOTICIA

----

As novas técnicas gastronómicas centran a duodécima edición do ciclo “Diálogos confinados”

Serán os vaos, os tacos ou o ceviche a nova cociña tradicional galega do futuro, tal e como sucedeu no seu día coa importación do churrasco por parte dos emigrantes e que agora forma parte indisoluble da nosa cultura gastronómica? A explosión creativa con novos caldos e produtos máis alá das tradicionais denominacións de orixe asentarase nos consumidores ou será unha moda efémera? Será o turismo do viño unha oportunidade para moitas adegas pequenas que deberán actualizar a súa oferta tanto de servizos como dixital? Disto falaron Miguel Vila, Cristina Alcalá moderados por Manuel Gago na duodécima edición do ciclo “Diálogos confinados”. Para eles a enogastronomía é un ser vivo que demostrou ao longo dos séculos a súa capacidade de adaptación aos novos tempos.

A duodécima edición do ciclo “Diálogos confinados” falaron da incidencia da COVID-19 na gastronomía, pero desde o punto de vista máis global, como feito cultural e social.
Nun país -o galego- e nun tempo -o estival- no que as citas das festas gastronómicas multitudinarias encherían o mapa e calendario, a "nova normalidade" provocada pola pandemia do covid-19 fai mudar os escenarios, os consumidores e as buscas de novos camiños da enogastronomía. Se durante o confinamento a práctica culinaria foi extendida en moitas casas (con esgotamento de produtos como a levadura incluídos), se produciu un incremento da venda de viño online e a apertura negocio dixital, non só da man da venda directa senón do marketing, a comunicación, a creación de marca e a formación, queda por constatar o pouso que deixan estas tendencias no futuro. Por outro lado, os descubrimentos que se están a producir nas últimas décadas non só de novas materias primas, senón da importación de técnicas culinarias alleas podería producir unha auténtica revolución no ámbito enogastronómico.
“Creo que en Galicia cambiarán os escenarios, os consumidores e a busca de novos camiños” apunta a socióloga Cristina Alcalá. Para o xornalista especializado en gastronomía Miguel Vila “creo que estamos volvendo á época dos descubrimentos. O descubrimento de américa foi fundamental para a gastronomía porque nos abriu a productos hoxe absolutamente imprescindibles. E hoxe asistimos á segunda época dos descubrimentos que está moi vencellada á materia prima pero sobre todo ás técnicas”. Para Vila estamos importando técnicas tanto de América e de Asia que levará a un cambio radical non só dos restaurantes senón tamén os domicilios. “Calculo que en vinte anos os ceviches e os vaos serán tan cociña tradicional como hoxe é o churrasco” asegura Miguel Vila.

Os protagonistas
Nesta entrega, o xornalista e divulgador cultural Manuel Gago dialogou con Miguel Vila, xornalista cunha dilatada experiencia na produción de contidos xornalísticos sobre gastronomía nos máis variados soportes e estudoso da gastronomía na literatura galega; e con
Cristina Alcalá, socióloga e experta na produción, creación e difusión de iniciativas para a divulgación do mundo do viño.

Diálogos confinados
Esta serie de entregas audiovisuais, a modo de pílulas culturais, ten como obxectivo darlle voz á cultura galega nesta situación de parálise. Diferentes voces dos múltiples ámbitos que abrangue o complexo sector cultural achegarannos as súas percepcións sobre a realidade que están a vivir mediante breves diálogos moderados por persoas vinculadas ao Consello da Cultura Galega. Coñeceremos tamén as súas expectativas de futuro a curto e medio prazo e mais que medidas cren necesario adoptar para paliar os estragos que a parálise está a causar no mundo da cultura. O obxectivo é tecermos unha radiografía polifónica da cultura confinada desde Galicia, coas súas perspectivas e demandas para un futuro inmediato.