NOTICIA

----

Os Encontros monográficos co Patrimonio Cultural analizan un proxecto etno-arqueolóxico da Ribeira Sacra

“Adegas da memoria: arqueoloxía emocional na Ribeira Sacra” é o título da edición número 31 dos Encontros Monográficos do Patrimonio Cultural, un ciclo organizado pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG). Este ciclo no que se explican actuacións en espazos patrimoniais, pon os ollos nesta ocasión na intervención que se está a desenvolver no lugar dos Conventos na Pobra de Brollón. Un proxecto arqueolóxico onde se funden a poesía, o audiovisual e a cidadanía. Xurxo Ayán e Xosé Gago explican as clave deste proxecto.

“É un proxecto de arqueoloxía poética porque a poesía é importantísima neste proxecto, como tamén o é o audiovisual e a cidadanía” explica Xosé Gago, técnico de cultura do concello de Pobra de Brollón onde se desenvolve a explotación do xacemento. Para Gago, a paisaxe da Ribeira Sacra, un conxunto de adegas tradicionais, a literatura patrimonial e o traballo de conversas cos vecinos son os catro piares nos que se asenta este proxecto. Arrincou hai tres anos, coa reactivación dunha romaría desaparecida no Castro de San Lourenzo. “Isto acelerou unha serie de proxectos de recuperación de memoria histórica vinculados a varios espazos físicos” que non só implicaron á cidadanía senón que tamén exploraron novos formatos de difusión. Entre eles está “Adegas da memoria”, unha webserie que ofrece vídeos máis repousados que documentan o proceso de restauración deste proxecto.

Xurxo Ayán explicou o punto de vista arqueolóxico desta intervención onde a procura do mosteiro do que falaba a tradición se converteu case nun guión de película. “De Vilachá estamos sacando unha lección: ás veces, a ciencia e o mito poden convivir e ser compatibles, e mesmo a ciencia lle acaba dando a razón á tradición” explicou Xurxo Ayán. Na súa opinión, este proxecto serve para reivindicar o carácter resiliente destas culturas que, ao revisar a documentación, constataron que a tradición oral tiña razón. As escavacións foron confirmando as lendas. Unha caveira e outros ósos, cerámica dos séculos XII e XIII e unha moeda da época de Afonso X, o Sabio apareceron dentro dun recinto erixido coa técnica da pedra seca. A escavación permanece aberta, así que poden aparecer novas sorpresas.


Antecedentes
Adegas da memoria é un proxecto que arrincou en 2018 co interese da comunidade de montes da parroquia de Vilachá de saber máis da paraxe dos Conventos. Daquela, o concello da Pobra do Brollón desenvolveu un ambicioso programa de socialización do patrimonio, con relación á potenciación do Camiño de Inverno a Compostela e á declaración como BIC da Ribeira Sacra. Desde entón iniciouse un proceso de apoderamento patrimonial co gallo de poñer en valor os restos arqueolóxicos da zona.

Esta confluencia de intereses deu como resultado o presente proxecto arqueolóxico, o primeiro que tenta, na Ribeira Sacra luguesa, fornecer datos empíricos sobre a orixe do monacato medieval no canón do Sil e da paisaxe vinícola asociada. Así mesmo, esta intervención foi deseñada participando do enfoque propio da Arqueoloxía Pública e a Arqueoloxía en Comunidade. No marco do proxecto xorde a webserie Adegas da Memoria, que se pode ver de balde na Rede.

A parroquia de San Mamede de Vilachá de Salvadur é a única do concello da Pobra do Brollón (Lugo) que se atopa na ribeira do río Sil en plena zona vinícola da Ribeira Sacra. Dende antigo, os seus viños teñen sona en toda a bisbarra. Nunha estrema do Val do Frade, no topo dunha sorte de esporón penedío, localízase o lugar coñecido pola veciñanza como Os Conventos. A tradición oral sitúa aquí un antigo mosteiro, que incluso contaba con cárcere e outras dependencias. O certo é que se documentan en superficie materiais de orixe antrópica (tellas, lousas perforadas, cerámica) e un senlleiro conxunto de estruturas arquitectónicas que racha coa disposición dos socalcos das viñas. Apriori, semella ser este o soar onde se ergueu un pequeno mosteiro, de nome San Martiño de Piñeira, do que hai constancia documental por unha doazón de 1124 do emperador Afonso VII. Posteriormente este cenobio pasou a depender do mosteiro cisterciense de Montederramo, propietario de gran parte das adegas de Vilachá até a desamortización.

Un foro de debate e reflexión
Os “Encontros monográficos co Patrimonio Cultural” son unha proposta da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega que pretenden poñer o foco sobre actuacións en marcha acerca de bens do patrimonio galego. Fanse con carácter periódico e pretenden participar tanto na caracterización dos bens como na formulación dos tipos de protección deses bens. Insírense nunha liña de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais da institución, que busca xerar debate e difusión entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor de bens patrimoniais sobre os que se estean a desenvolver actuacións. O Museo das Peregrinacións, o Camiño de Santiago, as fortificacións romanas ou as igrexas medievais centraron sesións anteriores destes encontros.