NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega visibiliza a figura Plácido Castro cunha publicación e a súa entrada no Álbum de Galicia

Plácido Castro (Corcubión, 1902-Cambados, 1967) fíxose galeguista estudando no Reino Unido con parte da realeza británica. Alí comprendeu que a identidade, no plano individual e colectivo, debe partir do propio, do seu recoñecemento, dignificación e exaltación. Sobre a súa faceta universalista e galeguista fala “Vocacións e ideais de Plácido Castro”, publicación que presenta o Consello da Cultura Galega (CCG) no día en que se celebra o cabodano do seu pasamento. Ademais da publicación, o CCG acaba de incluír a súa biografía no Álbum de Galicia.

“Era unha rara avis, unha persoa de clase alta fondamente comprometida por Galicia que desempeñou un papel fundamental ao trazar os eixes básicos dunha política exterior de vocación universalista” explicou Xulio Ríos no marco da xornada “Vocacións e ideais en Plácido Castro”, que da orixe á publicación que hoxe presenta a institución. Formado en Londres, políglota, falou en galego na BBC pero tamén traballou no portugués “Jornal de Notícias”, no arxentino “La Nación” e en diferentes publicacións galegas. Ademais de xornalista, foi tamén tradutor. A súa profunda devoción pola poesía e o dilatado coñecemento da lingua inglesa imprimiron nel o interese pola tradución. Así, Plácido realizou excelentes traducións poéticas e teatrais que hoxe se recoñecen como pioneiras dese labor en Galicia. Sobre estas tres facetas (universalista, xornalística e tradutora) falouse no congreso realizado en Cambados en 2019 e que agora recolle esta publicación, na que escriben, alén do propio Xulio Ríos, César Lorenzo Gil, Luís Álvarez Pousa, Laura Linares, Rubén C. Lois González e María Jesús Lorenzo Modia.

Entrada de Plácido Castro no Álbum de Galicia
A publicación, que está á disposición da cidadanía a través do web do Consello da Cultura Galega, preséntase acompañada da introdución da entrada de Plácido Castro no Álbum de Galicia.
Naceu en Corcubión un 25 de xaneiro de 1902 e faleceu en Cambados un 17 de xullo de 1967. Seu pai, empresario de minas, armador de buques e abastecementos de carbón, foi vicecónsul de Suecia e Noruega en Corcubión. Iniciou os seus estudos con seis anos no Colexio Scarborough de Glasgow e despois continuou nesa universidade. Ademais de manter frecuentes contactos cos intelectuais da época, realizou viaxes por aquelas illas e por Irlanda, vivencias que influíron na conformación do seu pensamento.
Nos anos inmediatamente anteriores á proclamación da II República regresou a Galicia coa intención de participar na vida política. Fíxoo a través das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista. A súa erudición e coñecemento de idiomas obrigaríano a desempeñar un significativo papel nas relacións que o galeguismo mantivo cos medios estranxeiros. Representou ao Partido Galeguista no IX Congreso de Nacionalidades Europeas (CNE), realizado no hotel Savoy de Berna os días 16, 17 e 18 de setembro de 1933. Este foi, sen dúbida ningunha, o evento que determinará a inevitable presenza de Plácido Castro na historia moderna de Galicia.

A Guerra Civil sorprendeuno na Coruña. Uns familiares ocultárono en Muxía, onde foi detido, procesado e condenado polo “Tribunal Regional de Responsabilidades Políticas” a quince anos de inhabilitación absoluta, a oito anos e un día de desterro a máis de cen quilómetros de Muxía e ao aboamento dunha multa de 25.000 ptas.

En 1944 Casou en Cambados, tivo oito fillos e en 1949 regresou a Londres, onde exerceu como locutor-redactor na BBC, na sección dos programas en lingua galega, española e portuguesa, ademais de como crítico-teatral en lingua inglesa. Así mesmo, enviará algunhas colaboracións periodísticas a xornais de Portugal (o “Jornal de Notícias” de Porto). Ao cumprir integramente a pena de quince anos de inhabilitación absoluta, volveu a Galicia e incorporouse como profesor de inglés no Instituto Laboral de Vilagarcía.
O seu regreso supuxo tamén a súa volta ás colaboracións xornalísticas, principalmente no “Diario de Pontevedra”, “El Pueblo Gallego” e desde 1960 no “Faro de Vigo”.

Álbum de Galicia
O Álbum de Galicia é unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. O obxectivo do Consello da Cultura Galega é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas.