NOTICIA

----

Os retos da artesanía centran unha nova sesión do ciclo “Diálogos confinados”

Elena Ferro e Idoia Cuesta comparten o feito de ser Premio Nacional de Artesanía, traballaren no rural e ser dúas renovadoras neste sector: unha fai cestos e outra zocos. Moderadas por Rebeca Blanco-Rotea, coordinadora da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega, dialogaron sobre o sector e as materias primas nunha nova edición do ciclo “Diálogos confinados”.

O inicio do confinamento supuxo para Idoia Cuesta e Elena Ferro, dous referentes da artesanía de Galicia, unha baixada nas vendas, a reorganización do stock, unha paralización da produción e a busca de novas formas de achegarse ao cliente final. Segundo Elena Ferro, zoqueira e cabeza visible da empresa Eferro, “levamos sen feiras desde marzo, paralizouse a venda e estamos a un 20 ou 25% dos nosos ingresos habituais”. Se Elena Ferro é máis forte a través da venda en liña, o modelo de negocio de Idoia Cuesta aséntase na diversificación. “A nosa empresa apóiase en varias patas: produción, formación, workshop, traballar tamén para outras firmas, visitas turísticas aos talleres... son diferentes patas de apoio e, cando falla unha ou outra, quedan recursos para poder manternos nun momento en que a facturación caeu en picado e estes tres meses houbo un gran baleiro” explica Cuesta.
As dúas recoñecen grandes diferenzas con respecto á crise de 2008, daquela estaban nun momento empresarial ben diferente ao de agora e haberá que agardar a ver como evoluciona o sector. Con todo, recoñecen que notaron a aposta polo consumo local e polo comercio de proximidade, pero consideran que aínda é cedo para saber como lles afectará a crise. Neste momento a gran canle de venda pasa por Internet e as dúas pensan que sería de moita utilidade unha páxina de venda en liña de artesanía de Galicia. Elena Ferro conta cun posicionamento moi activo en redes sociais e considera que iso a favoreceu. “Non é só vender, é tamén que o público divirta e nós buscabamos non unha venda agresiva, senón tamén que a xente se interese polo que fas e por como o fas” asegura.

A necesidade de autenticidade e a ollada rural permiten entender a aposta pola artesanía, que debe ser entendida como un modelo de negocio a longo prazo. Ese traballo paseniño pero sólido é o principal consello que estas creadoras, xa convertidas en referentes internacionais da artesanía de Galicia, lle ofrecen á xente nova.

O proxecto
Esta serie de entregas audiovisuais, a modo de pílulas culturais, ten como obxectivo darlle voz á cultura galega nesta situación de parálise. Diferentes voces dos múltiples ámbitos que abrangue o complexo sector cultural achegarannos as súas percepcións sobre a realidade que están a vivir mediante breves diálogos moderados por persoas vinculadas ao Consello da Cultura Galega. Coñeceremos tamén as súas expectativas de futuro a curto e medio prazo e mais que medidas cren necesario adoptar para paliar os estragos que a parálise está a causar no mundo da cultura. O obxectivo é tecermos unha radiografía polifónica da cultura confinada desde Galicia, coas súas perspectivas e demandas para un futuro inmediato. Nas edicións anteriores prestaron a atención ao sector da arqueoloxía, das fundacións literarias de ámbito rural e á creación literaria, ao deseño ou ao audiovisual, entre outros temas.