----

Trinta e oito concellos ourensáns comprométense co uso do galego na xustiza

Co gallo do 25 aniversario do primeiro procedemento xudicial instruído integramente en lingua galega, a Irmandade Xurídica Galega, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia promoveron a “Declaración de Celanova”, nun acto que tivo lugar o pasado 16 de xullo de 2020 no Xulgado de 1ª Instancia e Instrución desta vila ourensá. Trinta e oito alcaldes e alcaldesas da provincia de Ourense asistiron ao acto e, en representación dos seus respectivos concellos, asinaron esta declaración comprometéndose publicamente a usar o idioma galego nas súas relacións coas notarías e xulgados, e a solicitarlles así mesmo aos órganos xurisdicionais que tamén empreguen a lingua galega nas resolucións que diten.