8 e 9-M na Cidade da Cultura: Os XIV Encontros para a Normalización Lingüística analizarán a problemática relación lingua galega-mocidade

Máis de cen investigadores e xestores lingüísticos, case o 75 por cento mulleres, participarán nos “XIV Encontros para a Normalización Lingüística” organizados polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia do Consello da Cultura Galega. Coordinados por Henrique Monteagudo e Susana Mayo, os Encontros desenvolveranse os días 8 e 9 de marzo no auditorio da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela e centraranse fundamentalmente na problemática relación entre a lingua galega e a mocidade. O acto inaguural terá lugar o xoves día 8 ás 10 horas presidido po Ramón Villares, presidente do CCG, ao que acompañarán Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística, Henrique Monteagudo, coordinador, e David Barro e Valentina Formoso en representación das Coordinadoras de Normalización da lingua.

Os Encontros para a Normalización Lingüística veñen sendo anualmente, desde 1998, un foro aberto e participativo de información, reflexión e debate sobre a situación do idioma galego e constitúen o ámbito de referencia para esta cuestión. Os programas que propoñen reflicten as cambiantes inquedanzas que suscita a evolución sociolingüística do país e os problemas de atención prioritaria. Nos últimos anos gañaron relevancia unha serie de cuestións mutuamente interrelacionadas, como o ensino, as novas tecnoloxías e mais as actividades e produtos de lecer. Todas estas cuestións apuntan a un sector que cada vez se percibe como o máís difícil e ao mesmo tempo como a chave do futuro do galego: a xente nova. Por esa razón, os XIV Encontros para a Normalización Lingüística centrarán o seu foco na problemática relación entre a lingua galega e a mocidade.

8 DE MARZO

Os Encontros abriranse o xoves 8 de marzo ás 10 horas co relatorio de Henrique Monteagudo: “Os cambios de lingua: contextos e motivacións”.

Seguirá unha mesa de traballo sobre “Experiencias educativas de intervención nos usos lingüísticos da mocidade” conducida por Valentina Fromoso e na que intervirán: Olga Iglesias: “Unha reflexión introdutoria ao labor dos equipos nos centros de ensino”; Xosefa Martínez e Manuel Sánchez: “A actuación sobre grupos castelanfalantes” e Franscisco Veiga: “A actuaciòn sobre grupos galegofalantes”.

Ás 16´30 horas Belén Regueira moderará o debate “Claves de conexión coa mocidade”, no que serán protagonistas cinco estudantes de bacharelato.

Seguirán os coloquios “Propostas de interacción coa xuventude no ámbito do lecer e do tempo libre”, ás 18 horas, con Raúl Piñeiro, Brais Fernández, Iria Castro e Marcus Fernández. Ás 19 horas a reflexión enfocará “Outros espazos para comunicar coa mocidade” e as intervencións de Ana Bulnes, Xabier Seixo García MC, Bernardo Penabade e Leo i Arremecághona.

9 DE MARZO

O venres 9 de marzo as sesións comezarán ás 10´30 horas co relatorio de Manuel Barreiro: “Movementos sociais emerxentes: a mobilización xuvenil”, ao que seguirán a presentación de novos medios de comunicación (Praza pública, Sermos Galiza e Dioivo) e o relatorio de Fernando Ramallo “Mocidade, linguas e redes sociais”.

Na sesión da tarde as dúas últimas mesas redondas analizarán o traballo normalizador. A primeira baixo o epígrafe “O traballo xusto e ilusionante dos Servicios de Normalización Lingüística”, con Nel Vidal, Socorro García, Alicia Otero e Celso Rodríguez, e a segunda co enunciado “Como mellorar o labor normalizador dos Equipos de Normalización Lingüística”, con Carlos Negro, Mercedes Queixas, Xabier Camba e Roberto Catoira.

A clausura os Encontros está prevista para as 19´30 horas.


Outras noticias que che poden interesar