Carlos Núñez reconstrúe nunha publicación do Consello da Cultura Galega o testamento musical de Ricardo Portela

“O gaiteiro é o gardián dun tesouro” acostumaba dicir Ricardo Portela (Viascón, 1920-1992), un dos grandes gaiteiros galegos. O de Viascón, que condensaba a arte de tres grandes escolas musicais, pediulle días antes de morrer a un novísimo Carlos Núñez a transcrición do seu repertorio. “De gaiteiro a gaiteiro” é a publicación na que se cumpre aquela encarga, complexa pero fecunda, que senta o testamento vital dun referente indiscutible do noso patrimonio sonoro. O Consello da Cultura Galega contribuíu a darlle o impulso definitivo a un legado que contén moitas das melodías emblemáticas da gaita galega. Unha publicación que se pon en rede á disposición da cidadanía no Día de Galicia.

Esta publicación é a culminación dun longo proceso de aprendizaxe iniciado hai máis de trinta anos no que Carlos Núñez racionaliza e fixa no papel as claves da arte interpretativa e o repertorio que aprendeu do mestre de Viascón. A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, destacou que o libro “pon a disposición pública os segredos do mestre, por vontade do autor e coa xenerosa intervención de Carlos Núñez e que se insire no marco de celebración do centenario do gaiteiro de Viascón”. Carlos Núñez asegura no limiar que “este traballo é, en realidade, unha vella misión, unha encomenda que me puxo o propio Ricardo Portela días antes de morrer”. Un testemuño que pasou por numerosos avatares biográficos pero, sobre todo, por un complexo proceso de investigación e interpretación nunha historia en que houbo moitos nomes propios, varias décadas e numerosos lugares por todo o mundo.
A publicación
O Consello da Cultura Galega pon á disposición da cidadanía a versión dixital desa publicación, que contén un repertorio de 41 obras transcritas en re, un dos dous sistemas de escritura para gaita que existen en Galicia e que proximamente incorporará tamén o outro (en do). Ademais, conta cun detallado estudo introdutorio a cargo de Carlos Núñez, no que se dá conta do complexo proceso de transcrición que permitirá, en palabras do autor, “recoller, estudar e reivindicar o legado das xeracións anteriores para construíren novos camiños con toda a solidez e profundidade que lles proporciona a tradición”.
A transcrición da gaita
Ricardo Portela, derradeiro herdeiro do Gaiteiro de Soutelo, era plenamente consciente de que urxía un método efectivo de ensino para transmitir a técnica e interpretación da gaita antes de que aquel tesouro oral desaparecese. Por iso nos oitenta se fixeron varios cursos, entre eles o I Encontro de Mestres de Gaita, no que se falou desa preocupación. Nesa cita estaba Carlos Núñez, que tiña por aquel entón 13 anos e xa despuntaba como gaiteiro. Tres anos despois, cando acababa de cumprir os 16, Carlos Núñez marchou ao Conservatoire de Ploemeur, a aprender de Patrick Molard e Jean-Luc Moign para coñecer as técnicas de ornamentación e aprender a transcribir as partituras para gaita. Daquela visita, e da posterior aprendizaxe, saíu a transcrición da “Muiñeira de Pontesampaio” e o xermolo da encarga que dá lugar ao libro. Por diante pasaron dez anos en que Carlos Núñez, armado cun casete, un lapis e un pentagrama aproveitaba cada momento que tiña nunha xa consolidada carreira musical. A “Despedida dos santos” transcribiuna nos xardíns de Viena; o “Pasarrúas de Campo”, en Londres; a “Xota de Montrove”, en Australia, e o “Dandanvo da Vella”, camiño de San Francisco. Eran os anos máis intensos das colaboracións con The Chieftains, pero este traballo sempre estivo no seu pensamento.

A complexidade da ornamentación e da dixitación fixo que tivese que botar man do que aprendeu de Portela, dos discos e das gravacións das súas clases que permitiu ir transcribindo nota a nota. Nese traballo non estivo só, a edición dixital completa foi obra do acordeonista Fernando Fraga, que iniciou o camiño hai trinta anos con Carlos e o retomou agora para a publicación.

O repertorio
Portela nunca compuxo. “O seu repertorio nutríase maiormente de pezas tradicionais sobre as que se recreaba imprimíndolles tanto carácter que as facía súas” asegura Carlos Núñez na análise das 41 partituras que se recollen nesta publicación. Entre elas hai pezas tan icónicas como “Aires de Pontevedra”, aprendida de Xosé Sesta e que é o resultado dun arranxo que contén resumidos e compactados fragmentos melódicos da antiga “Alborada” de Villanueva, así́ como unha simplificación da segunda parte do “Pasarrúas” de Xan de Campañó. “A historia desta peza é todo un exemplo do sistema creativo no proceso oralidade-memoria-escritura e volta á oralidade” sintetiza Carlos Núñez.

O groso do seu repertorio provén da tradición dos gaiteiros solistas de Pontevedra, pero tamén incorporou pezas compostas por coetáneos como Moxenas coa súa “Laranxeira” ou Xosé Lois Foxo coa “Muiñeira do Caurel”, sen esquecer outros “clásicos” da música galega adaptados para gaita, como “A Alfonsina”.

O centenario da celebración
O Consello da Cultura Galega doulle forma de publicación no centenario do nacemento do mestre gaiteiro que se celebra con varias accións. A primeira delas tivo lugar en marzo, coincidindo coa data do pasamento, cando se incorporou ao Álbum de Galicia a entrada de Ricardo Portela, elaborada por Ramom Pinheiro. Este 25 de xullo poñerase á disposición da cidadanía a publicación, que irá acompañada dun especial web que conta a xénese desta publicación enriquecida con materiais multimedia. Para novembro están previstas novas accións para poñer o ramo á celebración.

Apuntamentos da súa biografía de Ricardo Portela
Ricardo Portela nace en Pontevedra en 1920 no seo dunha familia que lle inculca a paixón pola música. Con 14 anos recibe unha gaita en Do brillante de Antonio Represas. Non foi un regalo máis, senón o punto de inicio dunha das traxectorias máis destacadas da gaita galega.
A Portela roubáronlle a gaita e por ese motivo pasa trece anos sen tocar. Desenvolveu a súa vida militar en diferentes localidades, nese tempo casou e iniciou un traballo como protético dental. Esa etapa rematou en 1945 cando recibe un punteiro de Faustino Santalices, co que se reencontra outra vez coa gaita. Emigrou a Venezuela, onde se mantivo moi activo culturalmente e deu forma a “Aires de Pontevedra”, a súa particular relectura dunha “Alborada” de Manuel Villanueva de Poio. Regresou a Pontevedra en 1959 e xunto ao seu irmán Jesús realizaron actuacións ocasionais e gravaron tres discos simples en 1968, para os que contaron con Carlos Conde, Elvino Palmeiro e José Iglesias Melitón na percusión.

De 1974 a 1986 traballou no hospital de Montecelo e continuou co estudo da gaita ata que en 1979 descobre as de Xosé Seivane. Con elas prepara a gravación “Foliada en Viascón” con Xosé Ferreirós e Serafín Vicente, de Faíscas do Xiabre. O impacto desta gravación foi enorme no mundo da gaita, fundamentalmente polo emprego da dixitación pechada. Entre os temas deste traballo figura a peza “Aires de Pontevedra”, versionada polos grandes nomes da música celta, de Milladoiro a Carlos Núñez, pasando por Patrick Molard ou Robert Mathieson.
Nos oitenta multiplicou as súas actuacións, desenvolveu un intenso labor docente no que dignificou a gaita galega, participou na gravación de varios traballos e ocupou a presidencia da Asociación de Gaiteiros Galegos. Morreu sen rematar o seu último traballo, “Pasarrúas” de Campañó. Gaiteiros de toda Galicia acudiron ao cemiterio para renderlle unha póstuma homenaxe interpretando conxuntamente a “Marcha de San Benito”.