NOTICIA

----

Dispoñible a recreación do discurso "Alba de gloria" de Castelao

Para celebrar o Día de Galicia, o Consello da Cultura Galega publica na rede a recreación do discurso Alba de Gloria de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, considerado unha das pezas retóricas máis importantes da lingua galega. Ademais, por tempo limitado (ata o 25 de agosto de 2020), poderase descargar a edición conmemorativa do discurso, cun texto introdutorio de Henrique Monteagudo.

O discurso "Alba de gloria" foi pronunciado por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao o 25 de xullo de 1948 no Teatro Argentino de Bos Aires, onde o Centro Galego estaba a celebrar o Día de Galicia. A alocución causou un enorme impacto e emoción nos asistentes e é considerado o último gran discurso pronunciado por Castelao.



A nosa versión foi producida para a Sala das Palabras, un espazo da exposición "Alba de gloria. Unha experiencia" que o CCG inaugurou na igrexa de San Domingos de Bonaval en novembro de 2018. Foi o actor Alfonso Agra quen puxo voz a Castelao. O son foi editado por Pablo Barreiro e a música procede da Real Filharmonía de Galicia, con arranxos de Maximino Zumalave, así como diversas composicións de Abraham Cupeiro.