NOTICIA

----

A música e o baile tradicional centran a última entrega do verán dos Diálogos Confinados

A música e o baile tradicional centran a decimocuarta entrega dos Diálogos confinados, a última deste verán. Desta volta, a conversa contou con Montse Rivera, profesora de baile, pandeireta e canto tradicional, directora de Brincadeira e unha das seis integrantes de Leilía, así como con Xaneco Tubío, luthier, músico e mestre de percusión tradicional en numerosas asociacións da provincia de Lugo, ademais de presidente da Asociación de Gaiteiros Galegos. A conversa estivo moderada por Xulia Feixóo, integrante do Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega.

Os convidados destacaron a relevancia do sector do folclore na cultura galega, con máis de 300 entidades culturais, 25.000 alumnos e unha circulación de tres millóns e medio de euros anuais (en 2006), e denunciaron a invisibilidade do sector, precariedade, altruísimo e falta de apoio da Administración. En concreto, destacaron o problema que vai supor a falta de actuacións no verán, que permitían financiar moitas das actividades formativas do inverno para estas asociacións e medo a programar dalgúns concellos. Suliñaron a preocupación polo retorno das clases e a falta de preparación, adecuación e infraestrutura para impartilas na nova situación provocada pola Covid-19. A unión do colectivo de mestres de música tradicional, que segundo os convidados está máis próximo, foi un dos aspectos tratados.

Durante estas catorce edicións, os Diálogos Confinados tentaron aproximarse aos diferentes sectores culturais, ofrecendo a partir de reputados especialistas, diagnoses e prospectivas dos diferentes ámbitos culturais na situación provocada pola pandemia.