NOTICIA

----

A presenza do galego nas Redes Sociais é "escasa e insuficiente", segundo o avance do estudo presentado por Fernando Ramallo nos Encontros para a Normalización Lingüística

A mocidade e o seu uso das redes sociais suponen para o idioma galego unha oportunidade evidente con todo por facer, xa que a presenza do galego percíbese “escasa e insuficiente”. Así o reflicte o avance dun informe que está a elaborar Fernando Ramallo, profesor da Universidade de Vigo, que hoxe presentou un avance nos XIV Encontros para a Normalización Lingüística. O informe parte dunha enquisa entre 1.295 estudantes de bacharelato, ciclos e universidade e foi encargado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. A atención ao comportamento da mocidade galega nas redes sociais dominou a segunda e última xornada dos Encontros organizados polo Centro de Documentación Sociolingüística do Consello da Cultura Galega e celebrados na Cidade da Cultura de Galicia coa asistencia de máis de cen investigadores e xestores lingüísticos.

O estudo do profesor Fernando Ramallo, que estará rematado en abril, parte dunha enquisa a 1.295 estudantes na procura de referencias útiles para elaborar hipótesis e tomar decisión a respecto da mocidade galega e as TIC. A mostra incluíu un 54 por cento de castelanfalantes, un 25 por cento de galegofalantes e un 21 por cento que se desempeñaban nas dúas linguas. Os consultados consideran as redes imprescindibles nas súas vidas e usan os dispositivos electrónicos para as súas relacións sociais, a busca de información, o chat, o disfrute da música ou o recurso do correo electrónico, preferentemente.

O avance fala dunha boa disposición da mocidade para co galego, así o declara o 50 por cento da mostra, pero tamén dun uso moi moderado nas redes sociais, que converte as redes galegas en algo minoritario e residual. O predominio do castelán é claro, á marxe de que o 54 por cento dos galegofalantes afirmen empregar exclusivamente o galego en Tuenti e o 20 por cento dos consultados declaren usar o galego en xeral.

En calquera caso, as tecnoloxías da información e a comunicación posibilitan a existencia dun espazo de interacción social ao que non poden ser alleas as políticas relacionadas coa lingua, máxime tendo en conta a complexidade lingüística das sociedades contemporáneas e a súa moi dinámica realidade, en expresión de Fernando Ramallo.

A xornada final dos XIV Encontros para a Normalización Lingüística, foro que o Consello da Cultura Galega ven organizando anualmente desde 1998, coñeceu tamén un relatorio de Manuel Barreiro sobre “Os movementos sociais emerxentes e a mobilización xuvenil en Galicia” referido aos dez últimos anos “e ofreceu dous coloquios sobre distintos aspectos e desafíos do traballo dos Servizos de Normalización Lingüística e dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.

Acolleu asemade unha presentación sumaria de novos medios en galego. Os dixitais “Praza Pública” e “Dioivo”, xa operativos, e “Sermos Galiza”, de próxima aparición na Rede e que proxecta tamén unha presenza semanal en papel.