
O Auditorio do MALBA (Museo de Arte Latinoamericano de Buenos Aires) acollerá o mércores 21 de marzo ás 18 horas o acto de presentación do libro “Luís Seoane, entre Galicia y la Argentina”. Trátase das actas do congreso internacional “Luís Seoane. Galicia-Arxentina: unha dobre cidadanía”, celebrado en abril de 2010 por iniciativa do Consello da Cultura Galega. Xunto con Ramón Villares intervirán no coloquio os profesores arxentinos José Emilio Burucúa, Fernando Devoto, Beatriz Sarlo, Diana Wechsler e Luís Alberto Romero.
O congreso, celebrado en Santiago de Compostela e A Coruña, reflexionou amplamente sobre a figura sobranceira e a acción creativa de Luís Seoane (Bos Aires, 1910-A Coruña, 1979) nunha dobre dirección territorial e cultural, entre a emigración e o exilio, e as súas dimensións como axente creativo e construtor dun proxecto cultural de intensa repercusión e influencia.
Previamente, o luns 19 de marzo o Presidente do Consello da Cultura Galega falará ás 20 horas na Federación de Asociaciones Gallegas, no Salón Arturo Cuadrado, sobre “Isaac Díaz Pardo, artista e emprendedor”.
O martes 20 ás 10 horas disertará sobre a figura e a obra de Valentín Paz Andrade no Colexio Santiago Apóstol (Centro Galicia) e deseguido presentará a edición en formato dixital do “Almanaque Gallego”, o anuario que durante 29 anos (1898-1927) ideou, dirixiu, redactou e administrou o xornalista galego Manuel Castro López (Lugo, 1860-Bos Aires, 1926), e do que o Consello da Cultura Galega fixo anteriormente unha edición facsímile en seis volumes.
Dando fin á estadía arxentina o xoves 22 Ramón Villares falará sobre “Exiliados gallegos en Buenos Aires” no Instituto de Historia da Cidade de Buenos Aires, na Casa del Historiador.
O venres 23 de marzo no Patronato da Cultura Galega de Montevideo inaugurará a exposición “Os Adeuses. 73 imaxes da emigración galega (1957-1963)” captadas polo fotoxornalista Alberto Martí. A exposición, promovida e organizada polo Consello da Cultura Galega, en colaboración co Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), percorreu en 2011 todas as cidades galegas e chega agora por vez primeira a América, á capital uruguaia que foi o primeiro destino de moitos emigrantes galegos.
Este periplo americano de Ramón Villares concluirá en Brasil. O luns 26 en Sao Paulo no Instituto Itaú Cultural impartirá un seminario para xerentes e coordinadores desa institución e dirixentes de instituciós culturais paulistas. Falará sobre “as institucións culturais de Galicia e as expectativas e os desafíos da cooperación cultural”.
Por último o martes 27 de marzo visitará a Casa Guilherme de Almeida, onde o próximo mes de novembro será inaugurada a exposición “Valentín Paz Andrade, uma antena galega no Brasil”, promovida polo Consello da Cultura Galega.
www.consellodacultura.org
http://www.malba.org.ar/web/t1registro.php?id=1311