O Consello da Cultura Galega lembra a figura de Díaz Pardo no centenario do seu nacemento

Isaac Díaz Pardo é unha das figuras máis destacadas da historia galega do século XX. Este 22 de agosto cúmprense cen anos do seu nacemento, efeméride que o Consello da Cultura Galega (CCG) conmemora cun memorial destinado a revisitar e difundir a figura deste intelectual e emprendedor. Entre as accións previstas destaca a posta en rede do epistolario cruzado entre Díaz Pardo e Luís Seoane. Rosario Álvarez, presidenta do CCG, destaca que as cartas “desvelan a intrahistoria, sempre desde o punto de vista dos dous correspondentes, de enormes proxectos de modernización cultural de Galicia como foron Sargadelos, o Laboratorio de Formas ou o Museo Carlos Maside”.

Isaac Díaz Pardo (Santiago de Compostela 1920 - A Coruña 2012) foi un artista, empresario e activista cultural cuxa traxectoria vital é fundamental para entendermos o galeguismo e a evolución do país ao longo dos últimos cen anos. Rosario Álvarez destaca del o seu carácter emprendedor e a súa intelixencia teimosa para levar diante proxectos ambiciosos que, a primeira vista, parecen utópicos. Foi tamén, en palabras da presidenta, “un home de carácter, difícil, que dalgún xeito condensa algúns dos trazos menos amables da cultura galega contemporánea: supervivente da Galicia republicana e orfo da represión fascista, coñecedor directo da emigración aínda que ben acollido nos ambientes do exilio arxentino”. O epistolario permite recoñecer a súa personalidade e ver tanto os trazos dun artista polifacético coma o promotor dunha cultura galega moderna e internacional arraigada na nosa historia e base cultural.
Con motivo do centenario do seu nacemento o Consello da Cultura Galega poñerá en rede o epistolario cruzado con Seoane. É a primeira vez que as cartas escritas por Díaz Pardo saen á luz, xa que as de Seoane xa foron publicadas en 2004 por Ediciós do Castro. O epistolario preséntase cun limiar contextualizador a cargo de Ramón Villares, historiador e presidente do Consello da Cultura Galega entre 2006 e 2018. “Este epistolario mostra que os seus autores eran dúas persoas que traballaban de modo conxunto, na Arxentina e Galicia, para crear ese proxecto transformador. Facíano nun contexto no que actuaban outros grupos como o de Galaxia e, máis na distancia, o promovido por Cantón-Filgueira”, sostén Villares.

O epistolario cruzado
Desde o día 22 poderanse ler as 330 cartas que Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, dúas figuras imprescindibles da cultura galega, intercambiaron entre 1957 e 1979. A través desta correspondencia poderase descubrir a intrahistoria do laboratorio de Formas, de Cerámicas de Sargadelos ou do Museo Carlos Maside; coñecer a opinión destes galeguistas sobre o traslado do corpo de Castelao; a problemática en que se atopaba o galeguismo no interior de Galicia; os habituais desencontros coa censura e as súas accións no exilio. Por iso o epistolario supón un testemuño destacado do que foi o franquismo durante a segunda metade do século XX e de como o viviron os seus protagonistas, mais tamén da conexión íntima entre a Galicia europea e a Galicia americana, nomeadamente a do exilio e a emigración a Bos Aires.

No seu limiar, Ramón Villares destaca dúas claves para entender o epistolario. “A primeira é, sen dúbida, a dimensión internacional con que nacen os proxectos que se van configurando durante estes vinte anos”. A segunda clave é que este diálogo permite “mostrar, de forma directa e por veces descarnada, o proceso de creación e asentamento dos principais proxectos do grupo Sargadelos, desde cuestións empresariais e políticas ata as máis claramente artísticas e culturais”.

As cartas revelan a un Luís Seoane artista, intimista, reflexivo pero tamén moi activo e ás veces anoxado polo devir da sociedade galega. Pola contra, as cartas de Díaz Pardo, o home práctico, están máis centradas en cuestións e problemáticas concretas. Díaz Pardo, que vivía a cabalo entre Galicia e Arxentina pendente das fábricas de cerámica, e Seoane, que mantivo estadías en múltiples países detrás de exposicións, eventos e da súa produción artística, mantiveron un fondo interese pola situación política e social do país. Ramón Villares, asegura que “os dous persoeiros tiñan valores partillados, pero ideas non sempre coincidentes, de modo que se trata dun diálogo entre dúas persoas xeniais que eran capaces de convivir e de discutir francamente, de discrepar e mesmo de ter desencontros, sen chegaren a romper, e non de todo, ata pouco antes da morte de Seoane”.

Difusión
O epistolario forma parte dun especial web que se irá arrequentando con máis contidos nos vindeiros meses. Agora, ademais do breve artigo introdutorio de Ramón Villares, preséntase acompañado dunha serie de catro reportaxes elaboradas desde culturagalega.gal, o portal de divulgación cultural do Consello da Cultura Galega, que analizan o epistolario en función de catro fíos temáticos: a primeira céntrase na actividade no exilio galego; a segunda analiza as reflexións sobre o fenómeno migratorio, a situación das colectividades galegas en diferentes países e a situación do país; segue a intrahistoria da creación de Sargadelos; e, por último, as súas diferentes visións da arte.