O Consello da Cultura Galega colabora na difusión do legado da emigración na terceira edición de Ares Indiano

Esta fin de semana terá lugar unha nova edición do Ares Indiano, unha celebración encamiñada a recuperar, dun xeito lúdico, o pasado emigrante da vila. O Consello da Cultura Galega (CCG) participa nesta cita o sábado 22 coa inauguración da exposición “O soño cubano da emigración galega” e a presentación da edición facsimilar da novela “Como se llega a millonario” do aresá Miguel Bendamio (1873-1938). Ademais, o web do CCG ofrecerá un roteiro por esta localidade seguindo edificios e espazos moi vencellados á emigración.

O Consello da Cultura Galega, a través do seu Arquivo da Emigración Galega (AEG), ten estudiado amplamente o fenómeno emigratorio. No marco desa actividade encádrase a colaboración que a institución realizará dúas accións que permitirán coñecer mellor a emigración aresá e situala no seu contexto histórico.

Publicación
O sábado 22 ás 12:30 presentarase a publicación “Como se llega a millonario” de Miguel Bendamio Montero, un dos fundadores da Alianza Aresana de Instrucción, espazo que acolle tanto a presentación como a exposición. Esta publicación é unha edición facsimilar con prólogo introductorio a cargo de Xosé Manoel Núñez Seixas, historiador e vicepresidente do Consello da Cultura Galega. Nel, Núñez Seixas, sitúa este texto no modelo de obra, con moitos trazos autobiográficos, “reivindicadora do bo nome e obra dos indianos na Galicia do primeiro terzo do século XX”. O protagonista da novela é un ficticio emigrante, fillo dun carpinteiro aresán que emigra a Cuba en 1891. Da capital cubana trasladase a México e posteriormente aos Estados Unidos, onde casa e se converte nun magnate do petróleo. Como bo emigrante, envía regularmente cartos a Galicia pero non visita a súa vila natal ata que sabe da morte de seus pais e inicia unha viaxe polo Mediterráneo que remata na praia de Ares. Recibido con honores, constata que a súa vila de orixe experimentou un notable progreso. Regresa a Nova York pero antes doa a herdanza que lle correspondía ao sostemento das escolas.

Ao fío da publicación, o Consello da Cultura Galega acaba de introducir a biografía de Miguel Bendamio Montero no Álbum de Galicia, colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos da cultura galega. A biografía, elaborada por Xosé Manoel Núñez Seixas, irá acompañada dunha serie de artigos escritos por Bendamio extraídos das memorias da Alianza Aresá, nas que daban conta da actividade e información interna desta sociedade. Esta sociedade foi fundada polos emigrantes aresáns residentes na Habana o 20 de marzo de 1904, coa finalidade explícita de crear unha escola na súa terra natal e potenciar a educación entre os seus paisanos. Foi das primeiras microsociedades en iniciar este labor educativo. Dous anos despois compraron por 3000 pesetas o Huerto de Caruncho, un solar do centro de Ares no que. Construiron un edificio escolar que contaría con todos os adiantos hixiénicos e pedagóxicos modernos e que comezaría a funcionar en 1909.

O soño cubano da emigración galega
Ás 12:00 horas deste sábado terá lugar a inauguración da mostra comisariada por Xosé Manoel Núñez Seixas e María Xosé Porteiro e que leva por título “O soño cubano da emigración galega”. A exposición pretende percorrer as fases e facetas principais da epopea migratoria que levou a preto de 200.000 galegos a Cuba: abrangue desde a chegada dos inmigrantes ata o seu retorno, pasando polas súas asociacións, a situación da muller inmigrante, as publicacións e proxectos políticos para Galicia xurdidos en Cuba, e mais a pegada deixada polos galegos e galegas na sociedade cubana.

En preto de trinta paneis pódese descubrir o perfil do galego emigrante na Habana (novos, maioritariamente varóns, procedentes de sectores medios, que se integran no pequeno comercio, que chegan a Cuba a través de redes familiares e mecanismos persoais...) e coñecer o espertar dunha conciencia galega en Cuba que explica que boa parte dos símbolos da nosa identidade tiveran alí a súa raizame. Fotografías, documentos privados, materiais procedentes do asociacionismo galego ilustrarán esta mostra inédita que revisa unha destacada e potente relación histórica.

Ademais, permite recoñecer o mesto tecido asociativo galego dende 1871, unha esfera pública artellada por cabeceiras de prensa propias e decenas de sociedades microterritoriais ou de instrución. Nela resoarán ademais os movementos sociais e políticos desenvolvidos en Galicia desde finais do século XIX, dende o rexionalismo até o agrarismo e o nacionalismo.

Roteiro web
O roteiro propón un itinerario polos principais edificios da arquitectura civil de Ares. Esta vila é espazo para comprender o profundo impacto da emigración na sociedade galega entre finais do século XIX e principios do XX. Entre as paradas deste roteiro destacan catro escolas financiadas con cargo aos cartos da emigración: a Casa escola de Seselle, a Escola da Tenencia, a Escola de Cervás, e as Escolas do Porto.