NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega pon en marcha “Na voz da obra”, un proxecto web para difundir as artes visuais galegas

Un catálogo de obras de artistas galegas e galegos, entre os que figuran nomes tan recoñecidos como Mónica Alonso, Xoán Anleo, Manuel Sendón ou Tatiana Medal así como personalidades de diferentes ámbitos que ofrecen unha lectura sobre esas obras. Estes son os ingredientes de “Na voz da obra”, o novo proxecto de difusión cultural do Consello da Cultura Galega (CCG). Esta iniciativa pretende poñer en valor obras de artistas a través do comentario crítico doutra personalidade. O proxecto arrinca hoxe coa ollada de Celso Fernández Sanmartín sobre a peza "A memoria do álbum. 1" de Manuel Sendón.

“Esta peza lémbrame un álbum de fotografías ao que lle arrincaron unha” comeza dicindo o contacontos Celso Fernández Sanmartín (Lalín, 1969) sobre a obra “A memoria do álbum. 1” do fotógrafo Manuel Sendón (A Coruña, 1951). Para o narrador lalinense, “a nivel plástico esa abstracción é moi suxestiva porque a memoria é moi imaxinativa e a cabeza sempre quere saber que foto debía haber aí para completar o relato”. Aproveita así para contar dúas emotivas historias que lle evoca esta peza.

Celso Fernández Sanmartín é horticultor, colleitador e contador de contos e historias de vida da tradición oral, e poeta. A súa última obra “A cama do meu avó Manuel Sanmartín Méndez”, publicada por Apiario en 2020, é un percorrido íntimo pola calor que permanece na cama que un día habitamos. Nesta primeira entregada do proxecto analiza a obra “A memoria do álbum. 1” de Manuel Sendón, que forma parte da serie “A memoria do álbum” e que integra colección do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

O proxecto
En xuño cumpríronse dez anos da presentación do proxecto Atalaia, Arte Contemporánea en Galicia (www.culturagalega.org/atalaia), un arquivo virtual de artistas actuais de Galicia, impulsado polo CCG desde a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas. A iniciativa nacía co obxectivo de ofrecer ao público un achegamento informativo e o máis global posible do contexto das artes visuais en Galicia. Atalaia é unha base de datos, un directorio e un centro de recursos para coñecer aos artistas, as obras, os eventos, as publicacións e as entidades vinculadas á arte contemporánea en Galicia.

Sobre este material xorde estoutro proxecto, “Na voz da obra”, que pretende poñer en valor este arquivo visual desde a relectura doutra mirada allea. Cada mércores, unha persoa convidada escollerá unha obra da base de Atalaia e fará un comentario sobre ela dende a ollada crítica do audiovisual, a estética, a poesía, a música, a ciencia ou a filosofía. Deste xeito, a voz dialogará coa obra nun xogo de experiencia sensorial múltiple arredor dunha obra de arte da man dunha figura de diferentes áreas.

Unha década despois, a plataforma Atalaia acolle unha ampla mirada panorámica da obra de 74 artistas, cunha numerosa selección de obras. Pinturas, esculturas, fotografías ou instalacións coas súas respectivas fichas técnicas, que se complementan coa información de exposicións, actividades e publicacións relacionadas de arte contemporánea e un directorio de espazos expositivos. Atalaia dispón tamén de itinerarios, visitas guiadas aos fondos da base de datos por parte de comisarios que introducen o visitante nas características das obras de arte seleccionadas. Unha forma de divulgación para introducir aos usuarios nas tendencias e características da arte contemporánea galega actual.