O Consello da Cultura Galega colabora no Festiletras cun espectáculo sobre as lavandeiras

Ponteceso acolle estes días unha nova edición do festival Festiletras, unha cita didáctica e cultural que se desenvolve na aldea do Couto (Ponteceso) ata o domingo 6 de setembro. O Consello da Cultura Galega (CCG) colabora nesta cita co espectáculo de narración oral e músical “Lavandeiras” de Vero Rilo e Sonsoles Penadique. A proposta terá lugar mañá, xoves 3 de setembro, ás 12:00 horas, na Aldea do Couto.

“A cultura non é só terreo de grandes ciudades” con esta idea de fondo, a Fundación Eduardo Pondal organiza desde 1982 un festival que serve de escaparate de numerosas iniciativas culturais. O CCG, no marco do cumprimento do seu mandato fundacional, colabora nesta cita co espectáculo “Lavandeiras” de Vero Rilo e Sonsoles Penadique. “É un espectáculo que mestura historias de vida e mitoloxía, fai unha pequeña homenaxe as mulleres que lavaron no río” explica a autora Vero Rilo. O espectáculo, destinado a un grupo pechado de rapazada entre 14 e 16 anos, está adaptado para o lugar no que se representa. “Actuamos no Pozo da señora, onde Eduardo Pondal xa recolleu a lenda dunha princesa moura encantada que lavaba sabas de sangue, e faremos mención á propia historia deste espazo” comenta a propia Rilo.

O espectáculo
O oficio das lavandeiras forma parte do noso imaxinario colectivo. As mulleres á beira do río, de xeonllos, fregando a roupa tecen unha estampa que se repetiu ao longo da nosa historia. Ao seu redor, as lendas e os contos sucédense por toda a nosa xeografía, tanto fisica como identitaria. Vero Rilo recolle ese patrimonio oral, dalle forma e presenta os lavadoiros; desde as lavandeiras nocturnas enchoupadas en sangue que xurdían da noite ata o traballo colectivo das lavandeiras de Redondela.