O Consello da Cultura Galega organiza mañá na Coruña un parladoiro que revisa a influencia do mar na literatura galega

A cultura popular galega está poboada de heroes lendarios e seres mitolóxicos que chegaron ou saíron do mar. O Teucro, o Urco, a Serea de Sálvora ou a Maruxaina son só algún exemplos dese universo que marcou a nosa literatura. Tres autores como Pemón Bouzas, Manuel Bragado e Marilar Aleixandre, baixo a coordinación de Olivia Rodríguez, analizarán mañá esa influencia no parladoiro “A Galicia navegante no imaxinario literario” (Fundación Barrié da Coruña, 19:300 horas). O Consello da Cultura Galega (CCG) organiza esta mesa redonda como complemento da exposición “Inventio mundi” que se pode ver nese mesmo espazo ata o 25 de outubro.

Pemón Bouzas, Manuel Bragado e Marilar Aleixandre son tres autores que teñen unha ampla bibliografía relacionada co mundo mariño. No parladoiro que terá lugar mañá na sede da Fundación Barrié, afondarán a través das súas propias experiencias, na relación entre a literatura galega e as historias de navegacións mariñas.
Pemón Bouzas (Palmeira-Ribeira, 1957) fará un repaso da investigación que realizou ao redor de figuras históricas da navegación galega como foron Mourelle de la Rúa ou Francisco Caamaño. Marilar Aleixandre (Madrid, 1947), pola súa banda, contará a súa experiencia como autora de novelas como “A expedición do Pacífico”. O relato complétao Manuel Bragado (Vigo, 1959) que ofrecerá unha visión de conxunto a partir da súa experiencia como editor. Olivia Rodríguez será a coordinadora desta actividade.

A Coruña e inventio mundi
O parladoiro é un complemento da exposición “Inventio mundi”. Unha mostra que ten unha especial relevancia coa cidade da Coruña, que puido xogar un papel histórico na navegación marítima. No século XV, Carlos V quixo abrir desde a cidade herculina unha nova ruta para chegar as illas Molucas que non pasase polo porto Sevilla. Para iso creou na Coruña a Casa da Especiaría e iniciou a historia dun monumental fracaso. Esta institución supuxo un importante impulso económico para a cidade, e tamén foco de atracción de piratas. A duración desta institución foi breve. En 1529, tan só sete años despois da súa creación, desapareceu como resultado dos acordos alcanzados entre España e Portugal no tratado de Zaragoza, no que se cedeu a Portugal os seus dereitos sobre as Illas das Especias a cargo dunha gran suma de cartos.

A exposición estará aberta ata o día 25 de outubro e poderá visitarse segundo as condicións de seguridade establecidas pola Fundación Barrié, entidade que acolle esta mostra na súa sede. É a terceira itinerancia dunha mostra que se inaugurou en 2019 no Museo de Pontevedra co interese dar a coñecer as repercusións que tivo para Galicia a primeira circunnavegación da Terra, a expedición de Magalhães-Elcano, cando se conmemoraba o quinto centenario da súa partida.

A Galicia navegante no imaxinario literario
A posición atlántica de Galicia é fundamental para comprender a especificidade da cultura galega. Por iso a través de “Inventio mundi” tamén se recupera como perviviron no noso imaxinario popular os feitos históricos. Na literatura galega medieval, o Atlántico é o Mar Maior, cantado por Paio Gómez Chariño, o poeta almirante sepultado na igrexa de San Francisco de Pontevedra, a Boa Vila, porto importante aínda a fins do século XV. Pero hai máis, a historia do Colón pontevedrés; o Fernando de Magalhães que naceu na aldea de Magaláns, na mesma ría; pero tamén na literatura contemporánea en obras como as de Víctor Freixanes co seu “O triángulo inscrito na circunferencia”, entre moitas outras achegas. Unha conexión que tamén está presente na mostra e sobre a que se afondará nunha das actividades complementarias previstas.

A navegación histórica
O relato da navegación galega comeza coa epopea de Magalhães, que descobre unha nova ruta para ir ás illas Molucas, a das especias, pero sen ter que pasar polos territorios adxudicados a Portugal no Tratado de Tordesillas (1494). Como é sabido, Magalhães morreu na ruta pero regresou Elcano, que tentou explorar esa nova ruta. Por aquel entón Carlos V non tiña interese en reforzar o comercio de Sevilla con América e aproveitou as circunstancias políticas para crear na Coruña unha casa de contratación (da que non queda resto algún). Iníciase así un intento de explotar o mercado con América desde Galicia. Esa nova vía político-marítima concretaríase nun proxecto de colonización e cinco expedicións, das que só se fixeron catro.

A exposición dá conta desas catro viaxes, do tipo de embarcacións empregadas e dos nomes propios dos seus promotores e executores. “As expedicións foron un auténtico fracaso en canto o que se pretendía perseguir (abrir unha vía de comercio coas Molucas sen ter que depender de Portugal), no que morreron moitísimos homes (moitos deles galegos), nas que non se obtivo ningún beneficio” explica Ofelia Rey. Pero, ao mesmo tempo, a comisaria recoñece que foron moi positivas vistas con ollos de hoxe. “Permitiunos ver as prospeccións xeográficas, o cartografado da costa e un relato dunha tentativa truncada dun peso relevante de Galicia no comercio coas Américas” explicou.

A primeira das expedición tivo lugar en 1524, que é cando sae do porto da Coruña a carabela “Anunciada”. Á fronte está Estevão Gomes, que busca un paso entre o Atlántico e o Pacífico e abrir deste xeito unha alternativa ás Molucas polo norte. Aínda que fracasou no seu intento, percorreu a costa americana desde Terranova, a Terra dos Bacallaus, ata Florida.

A segunda foi a de García Jofre de Loaysa, que arrincou o 24 de xullo de 1525 seguindo a ruta tradicional. Malia que saíu unha armada de sete naves, once anos despois só dúas ducias de superviventes regresaron a Europa.

En 1527 saíu desde o cabo de Fisterra a terceira das expedicións. Tres barcos capitaneados por Diego García de Moguer, un experimentado mariño. Nunca chegou ao seu destino, acabou explorando o río Paraná e o Paraguai e volveu a España por Sevilla sen cumprir o seu mandato.
A cuarta e última expedición foi a de Simón de Alcazaba, navegante portugués ao servizo da Coroa de Castela. En palabras da comisaria, “foi un fiasco mesmo antes de partir porque este navegante aproveitou todo o seu mando para defraudar a facenda”.

Nesta historia da navegación sobresaen varias figuras galegas. Unha delas é a de Sebastián de Ocampo, que demostrou o carácter insular de Cuba. Outra é Fernando de Andrade (1477-1540) home chave e sempre presente nos proxectos que relacionaron Galicia coa empresa oceánica. Outro nome a ter en conta é o de Gómez Pérez das Mariñas que tivo importantes iniciativas náuticas no pacífico. E por suposto, Sarmiento de Gamboa que foi moi prolífico en relatos de alto interese histórico e unha figura fundamental para entender a cartografía posterior.