O Consello da Cultura Galega reedita “Ensayo histórico sobre la cultura gallega” de Otero Pedrayo

“Ensayo histórico de la cultura gallega” é unha obra cimeira de Ramón Otero Pedrayo concibida para explicar a cultura galega para fóra. O Consello da Cultura Galega (CCG) acaba de reeditar a versión orixinal deste texto en edición de Xosé Antonio López Silva e cun limiar do historiador e expresidente do CCG Ramón Villares. “Está escrito para demostrar que existe esa cultura, por razóns étnicas, xeográficas, relixiosas e, parcialmente, tamén políticas” apunta Villares na introdución. Acompaña a esta presentación un audiovisual en que o autor do limiar e Xosé Manoel Núñez Seixas, vicepresidente da institución e recoñecido historiador, contextualizan e explican este texto baixo a moderación de María Xosé Agra. Ademais, esta publicación supón tamén o arranque de #citaNós, un proxecto de divulgación de citas emblemáticas da xeración Nós para as redes sociais.

O historiador Ramón Villares afirma no limiar que esta obra é “unha auténtica interpretación que Otero Pedrayo tiña do ser ou da ‘alma’ de Galicia”. Son preto de duascentas páxinas nas que o xeógrafo ourensán trata de construír unha explicación ou teoría de Galicia, co formato de ser un texto ordenado en modo temporal, destinado a lectores que experimentaran a “descuberta de Galicia”.

Esta obra debe encadrarse nun dobre contexto. Dunha banda, no conxunto de textos básicos que servisen de guía, compendio ou manual para mestres e escolantes sensibles aos novos rumbos pedagóxicos, en boa parte inspirados polo nacionalismo das Irmandades da Fala ou polo espírito renovador que chegaba da emigración americana. Da outra, foi escrito na segunda metade de 1930, un ano moi fecundo para a xeración Nós (“Arredor de si” do propio Otero, “El problema político de Galicia” de Risco, o álbum “Nós” de Castelao…). Polo feito de estar pensado para un público de fóra, estaba escrito en castelán e incorpora tamén traballos que se estaban a facer no Seminario de Estudos Galegos.

Estrutura
“Ensayo histórico sobre a cultura galega” está composto por once capítulos nos que se relata de modo moi desigual o pasado de Galicia. Aínda que pode parecer un libro de historia de Galicia con división cronolóxica, non é un libro para escolantes. Explica Villares no prólogo que “o núcleo central do libro está formado por seis capítulos que abeiran os problemas centrais da cultura de Galicia”. Faio en dous bloques, un para abordar as consecuencias da romanización, o proceso de cristianización da poboación ou do priscilianismo. E un segundo, con outros tres capítulos, para o período que Otero considera o máis brillante e decisivo na configuración da cultura galega, que abrangue o tempo transcorrido entre os séculos IX e XIII, cando se produce a inventio do apóstolo Santiago, a eclosión da cultura do románico e o xurdimento dunha cultura literaria de cancioneiros e xograres.
Para Villares, este ensaio ten unha “finalidade político-ideolóxica, dado que precisaba dotar dun relato argumental sólido á súa idea de Galicia como unha nación fundada na realidade cultural, fondamente europea por raíces e por relación”.

O pensamento da xeración Nós
A reedición deste texto sitúase dentro da liña de traballo do Consello da Cultura Galega de conmemorar o centenario da revista “Nós”. No marco da celebración da efeméride, elaborouse un álbum biográfico e desenvolvéronse diferentes especiais para dar a coñecer diferentes materiais que nos axuden a entendela e contextualizala. Ademais, a publicación deste texto marca un punto de partida dun novo proxecto de difusión do pensamento da xeración Nós en novas canles de difusión. Trátase de #citaNós, que busca condensar o seu pensamento en citas breves, pensadas para ser compartidas nas redes sociais e que sirvan de punto de partida para coñecer o pensamento desta xeración que definiu a idea de Galicia no século XX. As citas, dispoñibles en modo texto e en tarxetas, permiten dar a coñecer fragmentos representativos de textos procedentes de obras descoñecidas para o gran público, facilitando o coñecemento de figuras como Otero Pedrayo, Antón Losada Diéguez ou Vicente Risco.

#citaNós comeza cunha escolma de dez citas do “Ensayo histórico sobre la cultura gallega” e nos vindeiros meses incorporará referencias doutras destacadas figuras desta xeración.

Debate de presentación
Para arroupar a presentación do libro, o Consello da Cultura Galega organizou unha mesa de debate entre Ramón Villares e Xosé Manoel Núñez Seixas, con moderación de María Xosé Agra. A conferencia foi gravada e está dispoñible desde o sitio web da institución. No marco desa conversa María Xosé Agra lembrou os avatares que sufriu a edición deste texto que “está escrito desde unha vertente universalista”.
No marco da conversa, tanto Núñez Seixas como Villares destacaron a vixencia do texto e situárono no contexto de madurez de Otero Pedrayo. “É o libro de interpretación dun país a través da súa cultura, como ser fundante de Galicia” apuntou Villares, que engadiu “é unha obra cimeira da cultura galega coa contemporánea. É accesible, fácil de ler, comprensible, que fala para o corazón e non para a razón. Así como a guía de Galicia permite entender o espazo, o ensaio histórico permite ver como se pode seguir a evolución dun pobo”.