A xornada prevista para o xoves 24 de setembro ten como obxectivo establecer estratexias coordinadas e avanzar en proxectos de colaboración entre as catro institucións implicadas para fomentar o multilinguïsmo do noso país e facelo visible en Europa. España é o país europeo que recoñece un maior número de linguas cooficiais.
Pola mañá (10:30 horas), haberá un encontro do director do Instituto Cervantes, Luis García Montero, e da directora xeral do Libro, María José Gálvez, coa presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a presidenta do Instituto Vasco Etxepare, Irene Larraza, e un responsable do Instituto Ramon Llull (que se conectará vía Internet), no que concretarán as accións e programas que levarán a cabo proximamente.
Pola tarde (19 horas) realizarase no auditorio do Instituto a mesa redonda “Comunicación e diversidade. O futuro do multilingüismo en Europa”. A sesión, aberta ao público, retransmitirase en directo pola canle de YouTube do Instituto Cervantes.
Tras a benvida do director da sede do Instituto Cervantes en Berlín, Ignacio Olmos, intervirán Luis García Montero, en representación do castelán; Jordi Amat, filólogo e escritor, en representación do catalán (por videoconferencia); Juan José Álvarez, catedrático da Universidad del País Vasco, en representación do éuscaro; Ramon Villares, historiador, en representación do galego, e a directora xeral do Libro, María José Gálvez.
Amat, Álvarez e Villares falarán primeiro nas súas respectivas linguas cooficiais e, deseguido, traducirano ao castelán. Moderará o debate o profesor Dieter Ingenschay, quen achegará a perspectiva alemá na cuestión da realidade plurilingüe de España.
Estes encontros, que se enmarcan na programación prevista orixinariamente para a Feira do Libro de Frankfurt 2020 (posposta a 2021 pola COVID-19), dan continuidade ao primeiro acordo de cooperación entre o Cervantes, o Ramón Llull, o CCG e o Etxepare para promover accións conxuntas, que as catro entidades asinaron dixitalmente o pasado 26 de maio.