NOTICIA

----

Segue en directo o acto de celebración do Día Europeo das Linguas

O Instituto Cervantes en Berlín acolle hoxe xoves un acto co que o Consello da Cultura Galega e os institutos Cervantes, Etxepare e Llull celebran o Día Europeo das Linguas. “Comunicación e diversidade. O futuro do multilingüismo en Europa” é o título da mesa redonda prevista para este día e poderase seguir en directo a través da canle de Youtube do Instituto Cervantes.

Tras a benvida do director da sede do Instituto Cervantes en Berlín, Ignacio Olmos, intervirán Luis García Montero, en representación do castelán; Jordi Amat, filólogo e escritor, en representación do catalán (por videoconferencia); Juan José Álvarez, catedrático da Universidad del País Vasco, en representación do éuscaro; Ramon Villares, historiador, en representación do galego, e a directora xeral do Libro, María José Gálvez.

Amat, Álvarez e Villares falarán primeiro nas súas respectivas linguas cooficiais e, deseguido, traducirano ao castelán. Moderará o debate o profesor Dieter Ingenschay, quen achegará a perspectiva alemá na cuestión da realidade plurilingüe de España.

Estes encontros, que se enmarcan na programación prevista orixinariamente para a Feira do Libro de Frankfurt 2020 (posposta a 2021 pola COVID-19), dan continuidade ao primeiro acordo de cooperación entre o Cervantes, o Ramón Llull, o CCG e o Etxepare para promover accións conxuntas, que as catro entidades asinaron dixitalmente o pasado 26 de maio.