----

Figuras coñecidas do pensamento e da cultura reflexionan desde mañá nas diferentes formas de liberdade

“Nunca tivemos un momento máis acaído que o actual para falar da liberdade coma agora, nun contexto de pandemia” asegura Carme Adán, coordinadora do Festival de Filosofía que ten como título “Libres. En serio?” e que se desenvolve desde mañá no Consello da Cultura Galega (CCG). A cita xunta nomes recoñecidos do pensamento e do ámbito cultural como a sexóloga Valérie Tasso, a directora de cine Sonia Méndez, o editor Francisco Castro ou a escritora Inma López Silva. Durante dous días falarase de tinder, fútbol e series de televisión e de como afectan á nosa liberdade. A xornada poderase seguir en directo desde a web do CCG.

“Hai unha idea errónea de que a filosofía e o pensamento en xeral responden á imaxe do pensador de Rodin, da persoa illada en si mesma, pero pensar é compartir ideas, conceptos, experiencias mesmo en momentos lúdicos e isto é o que buscamos neste primeiro Festival de Filosofía”. Carme Adán, coordinadora da Sección de Pensamento do CCG, destaca así o formato dunha cita que combina mesas de debate con espectáculos. “Queriamos que o festival estivese na rúa pero, como o contexto non o permite, farémolo nun espazo máis convencional e poderase seguir en directo a través da rede”. A pandemia obrigou a reducir a capacidade e a facer unha inscrición individual por cada actividade. Para a coordinadora a situación actual é tamén un motivo de reflexión. “A todos nos preocupa moito como as redes crean o noso imaxinario colectivo e por iso o programa aborda polo miúdo o tema da liberdade” asegura Adán. E para facelo pon o foco en tres aspectos concretos: series de televisión, o poliamor e o fútbol.

O programa do venres
A cita arrinca mañá analizando o auxe das series de televisión. “Son as series un consumo obrigado? Son arte ou o novo opio do pobo? Enganchadxs a unha personaxe para fuxir da vida? A escolla entre plataformas é a nosa liberdade? Significou a pandemia a consolidación dun novo modo de audiovisual? Son as persoas seriéfilas as espectadoras do futuro?” son algunhas das preguntas que se anticipan para o debate. Para falar disto estarán o director e guionista Pepe Coira e a directora de cine Sonia Méndez, coa moderación de África López Souto, profesora de Filosofía e membro da Sección de Pensamento do CCG.

Ao rematar, nas escaleiras da praza de San Martiño Pinario, terá lugar o espectáculo “Los actos de la inercia” de Javier Martín con música en directo de Artur MPuga xerada co sintetizador modular. O encontro péchase cun debate co filósofo Brais Arribas a partir dos conceptos e metodoloxías postas en práctica.

O sábado: entre o fútbol e o amor
A xornada continúa o sábado pola mañá con dúas mesas redondas. A primeira titúlase “Tinder, poliamor e outras formas de amar” e introduce unha serie de preguntas para a reflexión: É posible unha ética do amor? As tecnoloxías mudaron tanto o noso xeito de amar? Que é iso do poliamor? E patriarcal o amor? Non hai (ou debería haber) un vencello entre amar e ser libres? Inma López Silva, escritora e membro do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do CCG, moderará o diálogo entre a coñecida escritora e sexóloga Valérie Tasso e o director xeral de Galaxia, Francisco Castro.

A segunda mesa falará de fútbol. O debate buscará abrir a reflexión sobre tópicos moi frecuentes. “O fútbol libera ou adormece as masas? Cabe no fútbol a liberdade de opinión e expresión? É o fútbol un paradigma representativo da liberdade/identidade sexual? A relixión do século XXI é o fútbol? É o fútbol inimigo da cultura? A avogada laboralista e membro da Sección de Pensamento Celia Pereira modera un debate en que participa Lucía Taboada, xornalista e autora de “Como siempre, lo de siempre”, e Rafa Cabeleira, columnista deportivo e autor de “Alienación indebida”.

Xa pola tarde, en San Domingos de Bonaval, terá lugar “Té con Kant” de Inversa Teatro. Este espectáculo está escrito e dirixido por María Caparrini e Marta Pérez e interpretado por María Roja e Marta Pérez. É un proxecto experimental que conxuga o ensaio filosófico e a creación escénica xogando co humor e a ironía para obter unha peza de teatro próxima ao formato de teatro-didáctico-conferencia. Ao remate, Carme Adán manterá un debate co público.

Sección de Pensamento
A Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega está coordinada por Carme Adán e ten como membros a María Xosé Agra Romero, Damián Álvarez Villalaín, Ramón Máiz, Jorge Álvarez Yágüez, Antón Baamonde, Ascensión Cambrón Infante, Juan J. Casares Long, Carlos Fernández Fernández ou África López Souto. Entre as actividades desta Sección destaca o ciclo “Pensarmos”, que convoca cada cuarto xoves de mes a figuras relevantes do ámbito filosófico para repensar a actualidade. Ademais, no marco das actividades desta Sección está a revisión de personaxes destacados e a súa conexión con Galicia, como foron Heidegger, Albert Camus ou Karl Marx.