----

O Consello da Cultura Galega e os institutos Cervantes, Etxepare e Ramón Llull celebran en Berlín o Día Europeo das Linguas

A diversidade lingüística, a súa riqueza e a necesidade de potenciar ese pulo foron as principais ideas que se abordaron na xuntanza desenvolvida hoxe na sede do instituto Cervantes en Berlín entre os responsables do Consello da Cultura Galega (CCG) e os institutos Cervantes, Etxepare e Ramón Llull. A cita encadrábase na celebración do Día Europeo das Linguas, que se conmemora cada 26 de setembro. A xornada continúa pola tarde cunha mesa redonda na que participará, entre outras figuras, a historiador Ramón Villares.
O Consello da Cultura Galega e os institutos Cervantes, Etxepare e Ramón Llull celebran en Berlín o Día Europeo das Linguas

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, defendeu hoxe en Berlín que “as institucións aquí representadas temos a firme vontade de camiñar xuntas para mostrar, dentro e fóra das fronteiras do estado español, a diversidade do pulo creativo deste mosaico de culturas e linguas. O valor compartido desde as respectivas identidades, así coma o respecto e aprecio mutuo, son a base da convivencia democrática". Foi no marco da xuntanza á que asistiron o director do Instituto Cervantes, Luis García Montero, a directora xeral do Libro, María José Gálvez, a presidenta do Instituto Vasco Etxepare, Irene Larraza, e a delegada del Institut Ramon Llull en Berlín, Sílvia González.

Na xuntaza, Rosario Álvarez afirmou que "a diversidade lingüística e cultural está no ADN de Europa, pois é propia dos territorios longamente habitados por pobos que crean linguas, que evolucionan ao longo de milenios en culturas propias. A península ibérica non é unha excepción”.

Pola súa parte o director do Instituto Cervantes, Luís García Montero, insistiu na necesidade de “comprender a enorme riqueza de vivir nun país con tantas linguas”. Engadiu que as linguas cooficiais achegan “distintas formas de vivir o mundo que nos enriquece” tanto nos respectivos territorios onde se falan como a toda España. Destacou o deseño de que “que teñen a sorte de ser bilingües, no teñan a mala sorte de deixar de selo”.

Irene Larraza, responsable do Etxepare Euskal Institutua eloxiou o papel de institutos de linguas no hegemónicas para que éstas “se coñezan, se recoñezan e se utilicen para lograr que sexan linguas de pleno dereito”, porque “nunha Europa baseada en valores, resulta imprescindible aprender a entenderse non desde a homoxeneidade, senón desde a diferencia”.

Para a directora do Etxepare, “non é posible crear ou ampliar comunidade se non é desde o aprecio á diversidade, en todos os ámbitos. As persoas falantes ou representantes de linguas minoritarias e minorizadas, podemos sen dúbida achegar a nosa amplia experiencia na xestión do multilingüismo”.

Mesa redonda
Pola tarde (19 horas) realizarase no auditorio do Instituto a mesa redonda “Comunicación e diversidade. O futuro do multilingüismo en Europa”. A sesión, aberta ao público, retransmitirase en directo pola canle de YouTube do Instituto Cervantes.




Tras a benvida do director da sede do Instituto Cervantes en Berlín, Ignacio Olmos, intervirán Luis García Montero, en representación do castelán; Jordi Amat, filólogo e escritor, en representación do catalán (por videoconferencia); Juan José Álvarez, catedrático da Universidad del País Vasco, en representación do éuscaro; Ramon Villares, historiador, en representación do galego, e a directora xeral do Libro, María José Gálvez.

Amat, Álvarez e Villares falarán primeiro nas súas respectivas linguas cooficiais e, deseguido, traducirano ao castelán. Moderará o debate o profesor Dieter Ingenschay, quen achegará a perspectiva alemá na cuestión da realidade plurilingüe de España.

Estes encontros, que se enmarcan na programación prevista orixinariamente para a Feira do Libro de Frankfurt 2020 (posposta a 2021 pola COVID-19), dan continuidade ao primeiro acordo de cooperación entre o Cervantes, o Ramón Llull, o CCG e o Etxepare para promover as respectivas linguas, que as catro entidades asinaron dixitalmente o pasado 26 de maio.