NOTICIA

----

Profesionais reflexionan no Consello da Cultura Galega sobre a falta de liberdade no consumo de series de televisión

“As series de televisión que consumimos están dirixidas para que as consumamos, non somos en absoluto libres” asegurou a directora Sonia Méndez no marco da xornada que abriu esta tarde o “Festival de Filosofía”. Esta cita xunta ata mañá no Consello da Cultura Galega (CCG) a nomes recoñecidos do pensamento e do ámbito cultural como a sexóloga Valérie Tasso, o editor Francisco Castro ou a escritora Inma López Silva para reflexionar sobre o concepto de liberdade. A cita pode seguirse en directo desde o web do CCG.
Profesionais reflexionan no Consello da Cultura Galega sobre a falta de liberdade no consumo de series de televisión

“Pan e circo” é unha expresión latina que describe a práctica dun goberno para manter tranquila á poboación con alimento ou entretemento de baixa calidade. Baixo este título os directores e creadores audiovisuais Pepe Coira e Sonia Méndez, coa moderación de África López, reflexionaron sobre a liberdade na oferta de produtos audiovisuais. Sonia Méndez afirmou que “a oferta actual televisiva é claramente pan e circo porque non hai liberdade no consumo de produtos televisivos”. Na opinión desta creadora “pensamos que somos libres decidindo o que vemos, pero non o somos xa que os contidos que consumimos están completamente dirixidos. Non existe liberdade”. Pola súa banda, Pepe Coira completou este panorama asegurando “que a television mudou e abriu moitísimo o abano. Unha serie pode ser opio pero tamén pode ser arte e creo que a diferenza ten máis que ver co público que co propio produto en si”. A conversa serviu para diferenciar entre o punto de vista do creador, onde si existe unha maior liberdade, e o punto de vista do público, onde claramente coincidiron na falta de liberdade.

O festival arrincou cunha reflexión de María Xosé Agra do que significa ser libre. “A liberdade é polémica, contestable, discutible e non podemos falar da liberdade, senón de liberdades” asegurou Maria Xosé Agra. No transcurso da súa intervención engadiu que “a filosofía non é un luxo senón o noso dereito a pensar e para iso non hai que ser filósofos profesionais, senón individuos autónomos” e engadiiu que “a liberdade non pode ser o privilexio duns poucos”.

As escaleiras da praza de San Martiño Pinario acolleron o espectáculo “Los actos de la inercia” de Javier Martín con música en directo de Artur MPuga xerada co sintetizador modular. O primeiro día pechouse cun debate co filósofo Brais Arribas a partir dos conceptos e metodoloxías postas en práctica na duración do espectáculo.

O sábado: entre o fútbol e o amor
A xornada continúa o sábado pola mañá con dúas mesas redondas. A primeira titúlase “Tinder, poliamor e outras formas de amar” e introduce unha serie de preguntas para a reflexión: É posible unha ética do amor? As tecnoloxías mudaron tanto o noso xeito de amar? Que é iso do poliamor? E patriarcal o amor? Non hai (ou debería haber) un vencello entre amar e ser libres? Inma López Silva, escritora e membro do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do CCG, moderará o diálogo entre a coñecida escritora e sexóloga Valérie Tasso e o director xeral de Galaxia, Francisco Castro.

A segunda mesa falará de fútbol. O debate buscará abrir a reflexión sobre tópicos moi frecuentes. “O fútbol libera ou adormece as masas? Cabe no fútbol a liberdade de opinión e expresión? É o fútbol un paradigma representativo da liberdade/identidade sexual? A relixión do século XXI é o fútbol? É o fútbol inimigo da cultura? A avogada laboralista e membro da Sección de Pensamento Celia Pereira modera un debate en que participa Lucía Taboada, xornalista e autora de “Como siempre, lo de siempre”, e Rafa Cabeleira, columnista deportivo e autor de “Alienación indebida”.

Xa pola tarde, no auditorio do Museo do Pobo terá lugar “Té con Kant” de Inversa Teatro. Este espectáculo está escrito e dirixido por María Caparrini e Marta Pérez e interpretado por María Roja e Marta Pérez. É un proxecto experimental que conxuga o ensaio filosófico e a creación escénica xogando co humor e a ironía para obter unha peza de teatro próxima ao formato de teatro-didáctico-conferencia. Ao remate, Carme Adán manterá un debate co público.