O Festival de Filosofía conclúe poñendo de manifesto a falta de liberdade da sociedade actual

“O amor non se atopa, constrúese” asegurou a sexóloga Valerie Tasso na súa intervención no marco Festival de Filosofía que concluíu hoxe no Consello da Cultura Galega. Durante dous días profesionais do mundo do pensamento e da cultura falaron da liberdade. Os debates abordaron a falta de ética no amor, da mercantilización da sexualidade, de como estamos totalmente condicionado polas plataformas tecnolóxicas que, lonxe de ofrecer liberdade de elección, nos condicionan.
O Festival de Filosofía conclúe poñendo de manifesto a falta de liberdade da sociedade actual

“O amor é ética, e iso quere dicir que vou procurar non facer dano ao outro” deste xeito comezou a sexóloga Valerie Tasso a súa intervención no marco da segunda xornada do festival de Filosofía. Tasso, que coa súa obra “Diario dunha ninfómana” colocou en España debates inauditos sobre a prostitución e a sexualidade no ano 2003, defendeu que “a xente se separaba antes porque estaba mal e agora porque pode estar mellor, e é moi perigoso porque sempre se pode estar mellor”. Na súa opinión hai un lío entre ética e moral que se ve moi ben “a través nas series de televisión que nos venden un tipo de amor que non é tal que se enfoca máis no amor romántico”. Para esta sexóloga vivimos nunha sociedade que se rexe pola mercantilización e que se pode ver, sobre todo, nas aplicacións de citas que nos venden o amor sen esforzo. Tasso puxo sobre a mesa moitos os problemas que existen na actualidade como a falta de dignidade, a infantilización e a busca continuada de dopamina. “As series de televisión, as editoriais está a facer do ser racional, un ser tremendamente emocional, buscar euforias a toda costa. Todo isto son euforias porque se perdeu o sentido” asegurou.


Para Francisco Castro “o amor é unha palabra como calquera outra”. Este sábado relacionou o concepto do amor co ben absoluto, do comportamento coa vontade e abriu tamén outras interpretacións. “O amor é unha enerxía que nos constrúe e o namoramento é un estado temporal de aparvamento, de loucura transitoria”. Ademais, asegurou que “baixo a apariencia de liberación hai un estado de absoluta domincación e control”. A intervención de Valerie Tasso e Francisco Castro estivo moderada pola escritora Inma López Silva.

Na mañá do sábado tamén se falou de fútbol. A avogada laboralista e membro da Sección de Pensamento Celia Pereira moderou un debate entre os xornalistas Lucía Taboada e Rafa Cabeleira. Para Lucía “o fútbol non adormece ás masas, senón que as libera, aínda que si queda moito por facer na liberdade sexual neste ámbito”. Na mesma liña estivo Rafa Cabeleira que defendeu que “o fútbol é o irmán parvo da cultura, que tamén ten beleza, paixón, mirada crítica e súa clasificación depende da ollada coa que se mira”.

O festival rematou no auditorio do Museo do Pobo coa obra “Té con Kant” de Inversa Teatro. Este espectáculo escrito e dirixido por María Caparrini e Marta Pérez e interpretado por María Roja e Marta Pérez conxuga o ensaio filosófico e a creación escénica xogando co humor e a ironía para obter unha peza de teatro próxima ao formato de teatro-didáctico-conferencia. Carme Adán manterá un debate co público.

Primeiro día
As series de televisión centraron o primeiro bloque. Partiuse de “Pan e circo”, unha expresión latina que describe a práctica dun goberno para manter tranquila á poboación con alimento ou entretemento de baixa calidade. Baixo este título os directores e creadores audiovisuais Pepe Coira e Sonia Méndez, coa moderación de África López, reflexionaron sobre a liberdade na oferta de produtos audiovisuais. Sonia Méndez afirmou que “a oferta actual televisiva é claramente pan e circo porque non hai liberdade no consumo de produtos televisivos”. Na opinión desta creadora “pensamos que somos libres decidindo o que vemos, pero non o somos xa que os contidos que consumimos están completamente dirixidos. Non existe liberdade”. Pola súa banda, Pepe Coira completou este panorama asegurando “que a television mudou e abriu moitísimo o abano. Unha serie pode ser opio pero tamén pode ser arte e creo que a diferenza ten máis que ver co público que co propio produto en si”. A conversa serviu para diferenciar entre o punto de vista do creador, onde si existe unha maior liberdade, e o punto de vista do público, onde claramente coincidiron na falta de liberdade.

María Xosé Agra foi e ancargada do relatorio inaugural este festival e afondou no que significa ser libre. “A liberdade é polémica, contestable, discutible e non podemos falar da liberdade, senón de liberdades” asegurou Agra. No transcurso da súa intervención engadiu que “a filosofía non é un luxo senón o noso dereito a pensar e para iso non hai que ser filósofos profesionais, senón individuos autónomos” e engadiu que “a liberdade non pode ser o privilexio duns poucos”.

O primeiro día rematou cun espectáculo de Javier Martín, “Los actos de la inercia”, con música en directo de Artur MPuga xerada cun sintetizador. cun debate co filósofo Brais Arribas.

Sección de Pensamento
A Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega está coordinada por Carme Adán e ten como membros a María Xosé Agra Romero, Damián Álvarez Villalaín, Ramón Máiz, Jorge Álvarez Yágüez, Antón Baamonde, Ascensión Cambrón Infante, Juan J. Casares Long, Carlos Fernández Fernández ou África López Souto. Entre as actividades desta Sección destaca o ciclo “Pensarmos”, que convoca cada cuarto xoves de mes a figuras relevantes do ámbito filosófico para repensar a actualidade. Ademais, no marco das actividades desta Sección está a revisión de personaxes destacados e a súa conexión con Galicia, como foron Heidegger, Albert Camus ou Karl Marx.