NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega afonda na relación entre Galicia e Bretaña cun libro e cun coloquio

Galicia e a Bretaña están marcadas por moitas semellanzas xeográficas e culturais que se estableceron desde a prehistoria e aínda se manteñen. O Consello da Cultura Galega (CCG) revisa esta relación cun especial web que inclúe “Galicia-Bretaña. Olladas Comparadas” a edición das actas dun congreso realizado en 2017 que xuntou a investigadores de ambos os dous territorios para reflexionar sobre esta relación en clave de identidade cultural. Para acompañar a publicación, inclúese o coloquio “Galicia-Bretaña: dúas nación culturais en conversa”. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, presenta o diálogo entre Ramón Villares e Christine Rivalan Guégo.

“Son moitas as razóns que levaron o Consello da Cultura Galega a promover un espazo de interlocución e intercambio entre estes dous finisterrae continentais europeos, en colaboración inestimable coa Université Rennes 2” asegurou Rosario Álvarez na presentación da publicación “Galicia-Bretaña. Olladas comparadas”. As similitudes físicas e culturais, a innegable relación histórica e a boa colaboración institucional entre o Consello da Cultura Galega e a Université Rennes 2 que deu lugar a unha serie de actos que arrincaron en 2017 cun encontro en Santiago e Mondoñedo, que tamén tivo unha segunda cita na península armoricana en 2019.

Este especial recolle as actas dese primeiro congreso. Comeza coas achegas de dous dos editores deste libro, Ramón Villares e Jean François Botrel, que avanzan un estado da cuestión. Despois, investigadores e investigadoras de universidades galegas e bretoas revisan nos seus artigos, nunha perspectiva comparda, o campo da historia agraria (Jarnoux e Saavedra), da política no medio rural (Cabo), do nacionalismo político (De Juana e Carney) da identidade (Núñez Seixas e Le Coadic), da xeografía (Lois e David) e da literatura (Nogueira, Rivalan, Requeixo e Lama). A publicación reserva un espazo especial para falar das similitudes literarias, cunha atención especial ao escritor Álvaro Cunqueiro, un autor que foi capaz de escribir a novela “As crónicas do sochantre”, de puro ambiente bretón, sen nunca estar na Bretaña, para comprobar, cando máis tarde alí viaxou, que maxín literario e realidade eran case a mesma cousa.


O coloquio
A publicación está acompañada dun coloquio entre Ramón Villares e Christine Rivalan Guégo que achegaron a importancia da influencia mutua entre estes dous “finisterrae europeos”. Rivalan recoñeceu a importancia da colaboración institucional e o papel destacado que ten esta última publicación que “ofrece unha perspectiva comparada que permitiu iniciar unha ollada que permite ver a situación en sectores destacados”.

Para Villares nos axuda “a entender Bretaña e tamén a nós e inaugurou un camino”. Na súa opinión “permite non só unha comparación senón tamén unha aprendizaxe mutua para saber o que era Bretaña en Galicia e Galicia en Bretaña”. É preciso incorporar bretaña no imaxinario cultural galego, no ámbito musical as relación ofron intensas e sistemáticas debido a iniciativas persoais e que existe unha descompensación noutros ámbitos.

A presidenta Rosario Álvarez destacou a pertinencia desta publicación no contexto actual. “Comezamos a andaina cando Galicia estaba inmersa nas conmemoracións do centenario das Irmandades da Fala (2016-2018) e este libro ve a luz cando estamos a iniciar as do centenario da revista Nós, órgano de expresión da xeración de intelectuais galegos do mesmo nome” asegurou ao tempo que lembrou o europeísmo e o celtismo como sinais inequívocos da Xeración nós.