O Consello da Cultura Galega presenta mañá en Ferrol o roteiro Andrés Comerma

A Andrés Comerma debémoslle a instalación da primeira liña telefónica de Galicia, que comunicou a Capitanía e o Arsenal de Ferrol en 1878; e tamén as primeiras experiencias en Galicia con raios X. Foi un enxeñeiro e arquitecto naval pero tamén un farmacéutico, escritor e divulgador que estivo moi vinculado á cidade de Ferrol, onde morreu en 1917. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, presentará mañá nesta cidade (17:00 horas) un roteiro que percorre os lugares emblemáticos de Ferrol seguindo a traxectoria deste recoñecido enxeñeiro.

O roteiro “Paseo por lugares emblemáticos de Comerma en Ferrol” comeza na casa na que viviu e remata no edificio do Concello. Percorre en nove espazos a relación entre o enxeñeiro e a cidade na que viviu. Este itinerario foi deseñado polo historiador Guillermo Llorca Freire.

A presentación do roteiro terá lugar no marco da xornada “Deixen traballar a Comerma” coa que a Real Academia Galega de Ciencias e outras entidades conmemoran o legado deste enxeñeiro. Este cienfíco foi recoñecido este ano 2020 co Día da Ciencia en Galicia, a celebración promovida pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) para reivindicar a importancia da investigación a través das súas figuras máis destacadas e, en moitos casos, descoñecidas para o gran público.