Un roteiro revisa a pegada do enxeñeiro Andrés Comerma en Ferrol

Andrés Comerma foi un enxeñeiro e arquitecto naval, farmacéutico, escritor e divulgador e tamén a figura homenaxeada co Día da ciencia en Galicia neste ano. Aínda que non era galego, viviu boa parte da súa vida aquí e moitos dos seus méritos tiveron estreita relación coa cidade de Ferrol, onde morreu en 1917. O Consello da Cultura Galega (CCG) fixou nun roteiro os lugares que marcan a traxectoria vital e profesional deste recoñecido científico. Rosario Álvarez, presidenta da institución, presentou esta tarde en Ferrol o itinerario “Paseo por lugares emblemáticos de Comerma en Ferrol” que tamén se pode consultar na rede.

“Paseo por lugares emblemáticos de Comerma en Ferrol” é o nome dun roteiro que comeza na casa na que viviu Andrés Comerma e remata no edificio do Concello. Percorre en nove espazos a relación entre o enxeñeiro e a cidade na que viviu. Este itinerario foi deseñado polo historiador Guillermo Llorca Freire seguindo aspectos que serven para entender a relevancia deste científico.

A presentación do roteiro tivo lugar no marco da xornada “Deixen traballar a Comerma” coa que a Real Academia Galega de Ciencias e outras entidades conmemoran o legado deste enxeñeiro. Este científico foi recoñecido este ano 2020 co Día da Ciencia en Galicia, a celebración promovida pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) para reivindicar a importancia da investigación a través das súas figuras máis destacadas e, en moitos casos, descoñecidas para o gran público.

Pioneiro da enxeñería naval
Andrés Avelino Comerma y Batalla naceu en 1842 na localidade de Valls (Tarragona), aínda que desenvolveu toda a súa carreira en Galicia. A súa biografía está no Álbum de Galicia e recoñéceo como unha das figuras máis relevantes da tecnoloxía naval española dos últimos séculos. Entre as súas obras destaca o Dique da Campá, no Arsenal de Ferrol, que no seu momento foi un un dos máis grandes do mundo.
Como enxeñeiro acariñou a unión de Europa e África mediante a construción dun túnel submariño baixo o estreito de Xibraltar. A súa proposta, que tiña de 19 quilómetros de lonxitude, non se chegou a materializar pola oposición de Gran Bretaña. Tamén foi un apaixoado da electricidade, e os seus estudos valéronlle posteriormente a concesión da Lexión de Honra francesa.

As súas publicacións irían moito máis alá da enxeñería. Realizou múltiples estudos sobre a conversación do patrimonio onde destaca o libro “Los castillos feudales de Moeche, Narahío y Andrade”. Ademais, mantivo colaboracións coa prensa, principalmente co xornal El Correo Gallego, que daquela se editaba en Ferrol, e coa publicación Almanaque de Ferrol. Comerma coñecía oito linguas (galego, catalán, castelán, portugués, francés, inglés, aleman e italiano) e ademais foi o introdutor do esperanto en Galicia.

Aínda que no ano 1891 se trasladou a Madrid, mantivo un contacto estreito coa vida social e cultural de Ferrol. Foi presidente do Casino Ferrolán en 1900, director do Ateneo Ferrolán entre 1903 e 1906 e presidente da xunta de accionistas do Teatro Xofre, ademáis de presidente da rondalla Airiños da miña Terra. En 1910 regresou de forma permanente a Ferrol onde faleceu en 1917.