Preséntase a web do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos

Este 1 de outubro cúmprense 89 anos da aprobación do dereito das mulleres ao voto. Unha efeméride na que o Consello da Cultura Galega (CCG) pon en rede a web do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos, o CDIF, o cuarto arquivo que o CCG creou en 2019. É un “Arquivo que, ademais de inventariar, documentar, preservar e dispoñeros fondos, debe actuar como incitador á reflexión, divulgador de contidos e dinamizador da sociedade galega” destaca a presidenta, Rosario Álvarez. O centro, que ten a súa orixe nunha comisión temporal creada en 2005, ten como coordinadora a María Xosé Porteiro.

O plenario do Consello da Cultura Galega aprobou en 2019 a creación deste arquivo para facer visibles e promover a presenza e achegas das mulleres á cultura galega e constituír un lugar de consulta do material relativo as mulleres na sociedade. Coa posta en marcha do sitio web comeza a súa etapa máis pública. A presidenta do CCG destaca deste espazo web que “non é unha obra pechada, redonda, acabada. É un proxecto vivo, que se irá construíndo e irá evolucionando, con pretensión de mellora continua”.

A coordinadora do CDIF, María Xosé Porteiro, destaca neste lanzamento público que a permitirá “a visibilización das mulleres e as súas producións a través dun espazo publico en permanente actualización”. Este centro busca aplicar un enfoque feminista a todo o relativo á cultura e á realidade social vivida por mulleres e homes en Galicia. Desde o CDIF buscase iniciar traballos que contribúan á incorporación plena das mulleres na historia, na ciencia, na arte, nos medios de comunicación, nas formas da fala, na Galicia Interior e na exterior a través de informes, recursos e materiais que non asuman representacións tópicas, idealizadas ou ideoloxizadas da “muller galega” e que reflictan as realidades plurais vividas polas mulleres galegas.

Liñas de acción
O CDIF actuará nas liñas nas liñas de acción xa iniciadas pola institución desde hai máis dunha década. En primeiro lugar as tarefas de atención, asesoramento e presentación de informes, propostas e recomendacións do CCG aos poderes da Comunidade Autónoma galega. O Centro atenderá ás diferentes consultas sobre os estudos de xénero, feminismos organizados e peticións vinculadas ao Álbum de Mulleres. Ademais, continuará a organizar xornadas, ciclos e encontros co obxectivo de encher baleiros no coñecemento da produción e traxectoria de mulleres: as xornadas anuais arredor dunha figura destacada da cultura galega; as “Novas formas de Violencia de xénero” ciclo que abordou temas como os diferentes tipos de maltrato; os ciclos de cinema “Olladas de muller” e o transfronteirzo “Mulleres, patrimonios e sociedade”.

Entre os seus obxectivos tamén destaca a importancia de pór á disposición pública información relativa ás mulleres e ao colectivo LGBTIQ+ en diferentes áreas de investigación e acción social.

Antecedentes
A creación do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos é o resultado dun traballo continuado que comezou en 2005 coa creación da Comisión de Xénero adscrita á Sección de Filosofía e Pensamento que coordinaba naquel momento Andrés Torres Queiruga. María Xosé Agra Romero foi a primeira directora e tiña como membros a Carme Adán, Pilar Cagiao, Encarna Otero, Carmen Pérez Pais, Ana Romaní, Marisa Sobrino, Carme Vidal e Dolores Vilavedra. Aquela comisión foi a responsable dos primeiros informes, recursos e materiais que reflectiron as realidades plurais vividas polas mulleres galegas. Dous anos despois, aquela comisión pasou a ser a Comisión de Igualdade, non adscrita a ningunha sección do CCG e mantivo como coordinadora María Xosé Agra. En virtude das normas de funcionamento interno desta institución que limitan a permanencia nos cargos, en 2018 relevouna María Xosé Porteiro.

O CDIF
Segundo o regulamento do Consello da Cultura Galega os arquivos créanse para estudo, documental e recuperación da memoria cultura galega nos seus diversos campos de actuación terán capacidade para poñer ao dispor de investigadores o seu material documental recuperado. Teñen carácter permanente e están dirixidos por un membro do Pleno. A día de hoxe, o Consello da Cultura Galega conta co Arquivo Sonoro de Galicia; o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, e o Arquivo da Emigración Galega.

O CDIF ten como coordinadora a María Xosé Porteiro e os seus membros son Rosa Arcos, Carmen Cajide, David Cortizo, Luz Darriba, Paz Filgueira, Inma López Silva, Luzía Oca, Dolores Pereira, Mariám Mariño e Alba María Rodríguez.